A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, vén de remitir unha carta ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, na que insiste en que as análises realizadas a instancias do ente público na contorna portuaria en relación á praga da mosca de substrato rexistrada o pasado verán na localidade “non permiten demostrar que a orixe estea na madeira”.
Nesta liña, Portos de Galicia insta ao Concello de Ribadeo “a que explore posibles actuacións no caso de que se poida repetir tal circunstancia” e incide en que, toda vez que non existe base para afirmar que a orixe da mosca sexa a madeira, “desde o Concello se analicen outras posibles causas e tomen as medidas coa antelación oportuna”.
Ademais, a presidenta do ente público lembra que Portos adoptou medidas para evitar a presenza destes insectos no peirao e volverá actuar no caso de que se repita esta situación. Neste sentido explica na misiva, en resposta a outra do executivo local, que mentres durou a presenza do insecto o ente público se realizaron “diversas análises e actuacións que, salvagardando o medio ambiente, foron enfocadas a paliar a afluencia de insectos”.
En canto ao almacenamento de madeira no peirao, Susana Lenguas explica na carta que vén motivada polas “dificultades da venda de madeira debido a unha praga de escaravello en Europa”. Non obstante, engade, o prazo límite no que o consignatario debe retirar a madeira vence o 30 de marzo de 2020.
CONCELLO E HOSTALERÍA TEMEN QUE SE REPITA O ANDAZO
O Concello de Ribadeo enviou semanas atrás unha misiva ao ente portuario da Xunta de Galicia na que se fixo eco das queixas da hostalería e da veciñanza en relación coa madeira acumulada, que na vila segue a ser considerada o foco da praga de mosquitos.
O goberno local requeriu que se realicen as xestións necesarias para que esa madeira sexa retirada do lugar “e que este porto comercial se converta nun lugar de tránsito como se entende debe ser e non nun almacén ou depósito como asemella ser a día de hoxe”.