A CIG-Saúde da Mariña anunciou este luns que vén de presentar unha denuncia perante a Inspección de Traballo de Lugo por unha posible infracción en materia de seguridade e saúde, e en cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais, polas deficiencias estruturais en determinadas consultas do centro de saúde de Viveiro.
O sindicato novamente denuncia que o ambulatorio de Viveiro está a rexistrar principalmente na época estival unha temperatura media de entre 29 e 31 graos centígrados en determinadas consultas, “o que incumpre a normativa legal vixente sobre as máximas autorizadas non só nun centro asistencial senón en calquera lugar de traballo”.
Concretamente as consultas afectadas do centro de saúde viveirense son as número 25, 26, 27, 28, 29 e a sala de xuntas (onde se realizan actividades grupais, reunións de equipo e tamén se usa como área de descanso). Segundo expón a central, a excesiva calor, que supera o máximo estimado para o risco de tensión térmica (a partir de 27º C), está a afectar a traballadores, pacientes e usuarios. O sindicato sostén que existe un risco potencial de desmaio por estas altas temperaturas.
Ademais, puntualiza a CIG, segundo a normativa legal vixente, a temperatura en centros onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas e tarefas similares deberá estar comprendida entre 17 e 27º C, e naqueles onde se fagan traballos lixeiros entre os 14 e 25º C. “Os e as profesionais levan tempo demandando unha solución para unha situación que se repite todos os veráns”, lembra o sindicato, que afirma que “a Xerencia de Lugo-A Mariña-Monforte é coñecedora polas canles oficiais e legais establecidas do que está a acontecer o 09/11/2019 e o 20/12/2020 sen obter resposta nin solución”.
RISCO DE ENFERMIDADE E PARA O RENDEMENTO LABORAL
Ante a ausencia dunha resposta, argumenta a CIG, o sindicato decidiu, como último recurso, presentar esta denuncia na Inspección para que proceda a realizar os requirimentos por incumprimento da normativa e á adopción das medidas legais oportunas, e así dese xeito, a Xerencia de Lugo (de quen depende a Atención Primaria e centros de saúde) “solucione as deficiencias estruturais para evitar os problemas de saúde do persoal, xa que na consulta de saúde pública dependente da Xunta de Galicia tomáronse medidas instalando climatizador, namentres que nas consultas dependentes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) persiste o problema.
A central sindical detalla que segundo o Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo -dependente do Ministerio de Emprego-, “unha temperatura inadecuada, e máis se é superior aos 27º C, pode producir catarros, molestias e incomodidade aos traballadores/as, afectando o seu benestar, á execución das súas tarefas e ao seu propio rendemento laboral”.