InicioEconomía(AMPLIACIÓN) Alcoa insiste en que o aluminio en San Cibrao é "inviable"...

(AMPLIACIÓN) Alcoa insiste en que o aluminio en San Cibrao é “inviable” malia as medidas do estatuto

A multinacional, que dubida da "aplicación" do documento, e o Goberno difiren sobre a rebaixa da electricidade que proporcionaría o borrador do texto

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/axenciasAlcoa afirmou a través dun comunicado de prensa que a produción de aluminio primario en España “segue sendo inviablemalia as medidas propostas polo Goberno no estatuto electrointensivo, xa que non permiten obter un prezo competitivo da enerxía para a industria española.

Así o transmitiu a multinacional estadounidense que conta cun complexo industrial en San Cibrao, no municipio de Cervo, onde entre a fábrica de aluminio e a de alúmina traballan de xeito directo unhas 1.150 persoas -máis outras case 1.000 en empresas auxiliares-. Estímase que xenera uns 5.000 empregos directos e sobre o 32% do PIB da provincia de Lugo.

NON ESPECIFICA ALEGACIÓNS

Por agora e con todo, Alcoa só puxo en cuestión publicamente a planta de aluminio, que ve “inviable” trala perda dun “90%” dos ingresos en materia de interrompibilidade.

Tras anunciar que presentou unha serie de alegacións ao proxecto de Real Decreto do consumidor electrointensivo –que non especifica no documento enviado á prensa-, cuxo borrador deu recentemente a coñecer o Executivo central, Alcoa asegurou que a súa aplicación é “incerta e non está asegurada nin para 2020 nin para anos posteriores“.

De feito, tras xerar “perdas operativas” nos exercicios 2018 e 2019, sostivo que esta situación prolongarase durante este ano, culpando diso “ao incremento do prezo da electricidade”.

Segundo os seus cálculos, o custo da luz incrementouse desde unha media de 35 euros o megavatio hora (MWh) no período 2013-2017, ata unha media de case 50 euros o MWh durante o periodo 2018-2019, o que supón un incremento do 40%.

“FACTOR DIFERENCIAL DE COMPETITIVIDADE”

Debido a que o prezo da electricidade se determina a nivel nacional, a diferenza do prezo do aluminio e das materias primas, que se fixa nos mercados internacionais, Alcoa sinala que este prezo é o “factor diferencial que marca a competitividade nun mercado global”.

Este factor representa, precisamente, o 45% do total dos custos de produción de aluminio primario na súa planta de San Cibrao, polo que cre que a actividade “non será viable sen un marco regulatorio competitivo que garanta un prezo da electricidade” que a empresa considera que ten que ser inferior aos 35 euros o MWh.

O GOBERNO REMARCA QUE O PREZO ACTUAL É DE 41 MWH

No entanto, desde o Goberno apuntan a que nos últimos dous anos o prezo baixou de 57,3 euros o MW aos actuais 41 euros, o que representa unha rebaixa do diferencial respecto de os países da contorna de preto de 13 puntos, e que en 2022 as previsións xa apuntan a que o prezo en España será máis baixo que no resto de países, cun diferencial negativo de 1,9 euros en 2022.

Así o explicou este mércores a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, a partir de datos da patronal de empresas de gran consumo de enerxía (AEGE), nunha comisión do Congreso, que fixa o prezo medio diario da electricidade en España no que vai de ano de 41 euros o megavatio (MW), o que representa un diferencial “de tan só 5,9 euros fronte aos niveis de Alemaña ou Francia“.

Campaña de lazos azuis en Viveiro. CEDIDA

CC OO E UGT: O ESTATUTO É “INSUFICIENTE E CONFUSO”

UGT e CC OO anunciaron unha batería de alegacións ao borrador do estatuto de consumidores electrointensivos, xa que consideran que as medidas que aporta son “insuficientes e confusas“, e piden establecer a figura do consumidor hiperelectrointensivo, tal e como se fixo en Francia tras aprobalo a Unión Europea, e recuperar o servizo de interrompibilidade. Son algunhas das medidas reclamadas polos Gobernos de Galicia, Asturias e Cantabria, que presentaron reclamacións conxuntas ao texto.

Nun comunicado, os sindicatos consideran que a proposta de Estatuto do Goberno “non soluciona” o problema das empresas que consumen enerxía e tamén mostran serías dúbidas sobre que se vaia a provocar “un aforro real e non se engadan máis custos ao impoñer novas obrigacións”.

OS TRABALLADORES CONTINÚAN OS ACTOS REIVINDICATIVOS

O comité de Alcoa retomou este xoves en Viveiro a campaña de lazos de cor azul eléctrico coa que pretende visibilizar a situación da planta de aluminio. Os traballadores colgaron o símbolo no balcón do consistorio e en comercios e  lugares concorridos da vila.

FEIJÓO SOBE O TON E FALA DE “PECHE”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este xoves que, se o estatuto para os grandes consumidores electrointensivos “se aproba como está”, a factoría de Alcoa en San Cibrao “pecha“, argumentou.

Fronte ás críticas de Gonzalo Caballero (PSdeG-PSOE), que o acusou de “incendiario” pola súa actitude ante o conflitoMaroto reclamoulle que non utilizase aos traballadores para “facer campaña”-, Feijóo dixo que a el “non lle pagan” para “activar” conflitos, pero tampouco para que se “rúa” ou mire “para outro lado” ante situacións como as que vive a Mariña Lucense.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...