Un axente da Policía Local de Viveiro deu positivo na proba de coronavirus, segundo confirmou na tarde deste martes a alcaldesa, a socialista María Loureiro. O traballador atópase ben e en illamento domiciliario.
Segundo expuxo a rexedora, dous axentes sometéronse á proba despois de que se confirmase un segundo positivo no corpo da Policía Nacional de Viveiro. Ambos os traballadores non presentaban síntomas do virus, pero permaneceran en contacto co segundo infectado, polo que realizáronselle os test por precaución.
Un dos axentes deu negativo e outro positivo. Loureiro explica que o Concello púxose en contacto coa Consellería de Sanidade e na tarde deste luns o resto do persoal da Policía Local -arredor dunha decena de persoas- foi facer as probas, aínda que polo de agora non hai ningún obreiro que padeza a sintomatoloxía do coronavirus.
A rexedora asegura que tanto os axentes da Policía Local como os traballadores dos servizos esenciais decretados polo goberno municipal “teñen desde hai semanas elementos de protección, porque antes da declaración de estado de alarma solicitaramos máscaras, luvas e traxes“.