Este mércores cumpriría 98 anos Isaac Díaz Pardo, pero lonxe de simbolismos, o enfrontamento entre a dirección de Sargadelos e a Unión Xeral de Traballadores (UXT) na fábrica de Cervo semella enquistado. Ao tempo que trascendía que o Xulgado nº 2 do Social de Lugo será o encargado de resolver a solicitude de tutela xudicial tramitada polo sindicato, un grupo de operarias da fábrica emitiu un comunicado en defensa do conselleiro delegado do grupo empresarial, Segismundo García, no que se pide a revocación de Rogelia Mariña como representante da UXT na factoría.
“NON NOS SENTIMOS REPRESENTADAS”
As traballadoras negan “coaccións” por parte da empresa e afirman que “non nos sentimos representadas nin por Mariña nin pola UXT nin por ningún outro partido político ou sindicato, que a día de hoxe están a verter falsas acusacións e a sacar rédito da nosa situación”. Ademais, mostran o seu malestar porque “en ningún momento, ningunha destas organizacións se puxo en contacto con nós para saber a nosa opinión”.
as traballadoras denuncian que partidos e sindicatos están a “verter acusacións falsas”
Días atrás, García xustificou o anuncio dos 49 despedimentos pola “presión sindical” e a “ameaza” de Mariña de impugnar os contratos das persoas incorporadas durante o último ano e medio na fábrica, ao entender que vulneraban os dereitos dos traballadores en varios aspectos, entre eles o salario. As obreiras fan referencia no comunicado á súa situación laboral e aseguran que “non nos sentimos enganadas en relación ás condicións nas que desenvolvemos o noso traballo”.
O COMUNICADO ANUNCIA QUE SE RECABARÁN SINATURAS PARA FORZAR UNHA ASEMBLEA NA QUE SE DEBATA A DESTITUCIÓN DA DELEGADA SINDICAL
Por último, anuncian, “iniciamos no día de hoxe unha recollida de sinaturas entre os traballadores da planta para solicitar aos representantes legais dos obreiros que convoquen unha asemblea de operarios que teña como única orde do día a revocación de Rogelia Mariña do seu cargo”, xa que, conclúen, “a maioría do cadro de persoal que pretende defender non a eliximos no momento da súa elección”.
DIVISIÓN
O comunicado semella reflectir división no cadro de persoal, cun grupo de obreiras máis veteranas que apoian á sindicalista da UXT -que, non en van, foi elixida durante tres décadas como representante sindical na empresa– e outro sector de traballadoras que levan menos tempo na fábrica e que, certamente, non escolleron a Mariña, despedida no 2016 e reamitida a principios deste ano tras unha sentencia xudicial. Un total de 49 persoas, a metade do total, entrou a traballar en Sargadelos no último ano e medio.
existe unha división no cadro de persoal entre as operarias máis veteranas e as que levan menos tempo
Para revocar un delegado sindical, alomenos un tercio do cadro de persoal debe solicitar a asemblea e a súa destitución debe contar co 51% dos votos na xuntanza.
A UXT SOLICITA “DILIXENCIAS INMEDIATAS”
Tralo comunicado, a UXT asegurou que seguirá coa súa folla de ruta. O coordinador dos servizos xurídicos do sindicato, Pedro Blanco, asegura que “corresponderá ao Xulgado nº2 do Social de Lugo” resolver a demanda tramitada e pide ao poder xudicial que execute “medidas cautelares inmediatamente” ante a situación “de indefensión e de vulneración dos dereitos fundamentais da nosa afiliada e dos traballadores”.
a uxt pide á xustiza que remate “de inmediato” coa situación de “indefensión” da súa afiliada
O sindicato reclama a paralización dos despedimentos e a readmisión dos obreiros despedidos e o restablecemento da actividade laboral e sindical da súa afiliada. E lembra que “quen non acate a tutela xudicial” exponse a “sancións que poden ser de tipo penal”.
DOUS DESPEDIMENTOS
Mentres, seguen os despedimentos na fábrica de cerámica cervense. Onte executáronse dous cesamentos.
A UXT asegura que as persoas despedidas, cesadas pola empresa por “motivos disciplinarios” e “baixo rendemento”, están a cobrar xa indemnizacións que, entende o sindicato, supoñen “un recoñecemento” por parte do grupo empresarial “de que eses cesamentos son improcedentes”. Deste xeito, entende Blanco, o conselleiro delegado “desdícese” e “queda claro que está a utilizar aos obreiros como reféns nunha batalla para dobregar a vontade da nosa afiliada”.