InicioEconomíaSeguen os despidos en Sargadelos e a UXT pide “rapidez” na aplicación...

Seguen os despidos en Sargadelos e a UXT pide “rapidez” na aplicación da tutela xudicial

O grupo empresarial cesou a tres operarios este martes e a Mancomunidade de Municipios insta á Xunta a "mediar" no conflito e "forzar reunións"

Publicada o

- Advertisement -

Continúa o goteo de despedimentos na fábrica de cerámica de Sargadelos despois de que a empresa anunciase o pasado venres que cesaría a 49 traballadores se continuaba “a presión sindical” sobre a directiva. Este martes, segundo fontes sindicais, executáronse outros tres cesamentos.

A Unión Xeral de Traballadores (UXT) solicitou a tutela xudicial e sinala que o conflito “está agora en mans dos xulgados”, aos que pide “a máxima celeridade para rematar dunha vez con estas tropelías”. O coordinador dos servizos xurídicos do sindicato, Pedro Blanco, agarda que a xustiza “free esta actuación grave, cuase delictiva” da dirección da firma.

O sindicato presentou a demanda coa intención de que “se poña racionalidade a este proceso, que se paralicen os despedimentos e que os despedidos sexan readmitidos canto antes”. Tamén solicita que remate a recollida de sinaturas que esixe a demisión da súa representante, Rogelia Mariña. A sindicalista ten un permiso retribuído da empresa de varios días. Ademais, a UXT reclama que a súa delegada poda retomar a actividade laboral e sindical canto antes.

O sindicato denuncia que segue “sen información da empresa” sobre os despedimentos na fábrica, malia solicitar a documentación sobre os cesamentos. 

RECOLLIDA DE SINATURAS

Fontes da UXT cuestionan a validez da recollida de sinaturas, que circulou o luns pola planta e que atribúen ao conselleiro delegado, Segismundo García. O sindicato afirma que unha das tres persoas despedidas este martes non asinou o documento, apoiado pola maioría do cadro de persoal.

“As eleccións sindicais son secretas, pero esta iniciativa non. Así que, se en diante algunha das persoas que non asinaron é despedida, cremos que hai indicios poderosos e mesmo suficientes para concluír cal foi o motivo do seu despedimento”, apunta Blanco.

Recollida de sinaturas contra a delegada de UXT en Sargadelos. AXM

No documento, ademais de esixir a demisión da sindicalista por “xerar tensión no centro de traballo”, ínstase a Mariña a que “reparta os 30.000 euros que conseguiu por danos morais -cando foi despedida pola empresa e readmitida polo dictame da Xustiza- entre os traballadores novos que se están incorporando”.

A MANCOMUNIDADE APELA ÁS ADMINISTRACIÓNS

Como recolle Galicia Confidencial, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña e alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, pediu a intervención da Xunta de Galicia para evitar o peche de Sargadelos. O dirixente do colectivo de concellos instou tamén á Deputación de Lugo a facer un esforzo de “mediación” no conflito.

LLANO DESTACA QUE SARGADELOS “POTENCIA A MARIÑA NO ASPECTO ECONÓMICO, CULTURAL E ETNOGRÁFICO”

“Hai institucións con capacidade de manobra, con capacidade económica e de entendemento para forzar reunións, xuntar as partes e que a xente estea tranquila”, asegurou Llano, que resaltou que Sargadelos, unha empresa “singular e importantísima, potencia A Mariña Lucense en todos os aspectos; o económico, o cultural e o etnográfico. Representa moito para a bisbarra e para Galicia”, concluíu.

CxG SOLICITA UN PLENO EXTRAORDINARIO

O secretario xeral de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro, referiuse tamén ao conflito para anunciar que o partido actuará en varias frontes. Así, ante a “inoperancia de PP, PSOE e BNG”, os tres grupos con representación política no municipio, rexistrará unha petición de pleno extraordinario a fin de que a corporación esixa á empresa o cumprimento da lei.

Ademais, solicitará a actuación da inspección de traballo para garantir os dereitos dos traballadores, pedirá a aplicación da lei concursal e presentará na Comisión Europea, a través da eurodeputada Izaskun Bilbao, interpelacións relacionadas coas axudas recibidas por Sargadelos e a súa xestión.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...