Unha traballadora e tres maiores da residencia de Cervo deron positivo por coronavirus nas probas realizadas o pasado sábado no xeriátrico da Veiga, segundo confirmou o Concello de Cervo.
A técnico e os tres residentes, que permanecen en corentena na primeira planta do centro, están asintomáticas, segundo concretou o executivo municipal, que quixo lanzar “unha mensaxe de tranquilidade”, así como de “ánimo e moita forza ás persoas usuarias e ao persoal da residencia, polo seu incansable traballo e polo esforzo maiúsculo que están a facer para coidar e protexer aos nosos maiores”.
Fontes de Asociación Edad Dorada Mensajeros de la Paz Castilla-La Mancha y Galicia, axudicataria do servizo, explican que se habilitou unha á da primeira planta para as catro persoas con positivo, cunha xericultora por quenda que é a que ten acceso a este espazo, sen ter contacto co resto de residentes.
“As constantes destas persoas son perfectas e están asintomáticas”, explican as mesmas fontes, que concretan que non se valorou se os residentes serán trasladados ao xeriátrico medicalizado Porta do Camiño (Santiago de Compostela), como ocorreu con outros maiores das residencias da Mariña Lucense.
O pasado sábado realizáronse tests aos 32 traballadores e 52 residentes do centro de maiores cervense. Segundo concretou a agrupación, o resto de obreiros e usuarios deron resultado negativo.
Edad Dorada Mensajeros de la Paz sinala que o persoal vive “con angustia” a situación, porque “houbo persoas infectadas malia todo o esforzo que puxeron”, aínda que con certo alivio polo “apoio incondicional e cariño” das familias.
DESINFECCIÓN
O goberno local concretou que adquiriu dúas máquinas xeradoras de ozono para desinfectar espazos interiores susceptibles de estar en contacto co virus, que se puxeron en funcionamento este luns; ademais, o servizo de emerxencias sectorizou toda a planta na que están os residentes que deron positivo, identificando e balizando as zonas restrinxidas e as zonas de transición, onde se muda e se equipa o persoal antes de entrar a estes puntos “quentes”, e onde se desinfectan logo de atender aos enfermos.
TRABADA, XOVE E RIBADEO, Á ESPERA
Os catro positivos non figuran na estatística ofrecida ao mediodía deste luns polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), que resume os datos do pasado domingo e contabiliza un maior e dous traballadores infectados na residencia de Foz; dous residentes con coronavirus na vivenda comunitaria privada Mirador del Eo (Ribadeo); dous casos de usuarios en Betania (Viveiro); dous positivos entre o persoal do xeriátrico de Burela e un no centro San Rafael de Mondoñedo.
Na residencia de Trabada realizáronse probas aos 26 residentes e 24 traballadores, faltando por concretar catro resultados entre o persoal. Estes obreiros deberán repetir o test ao non extraerse unha mostra suficiente. O resto dos analizados deu negativo.
En Xove continúan á espera dos resultados das probas realizadas a todos os usuarios (127) residentes e traballadores (61), realizadas o pasado domingo. En Ribadeo, as análises estaban previstas para os primeiros días desta semana.