A Xunta de Galicia deu este venres o visto bo a un protocolo de apertura “gradual e flexible” das residencias que permitirá a partir do luns 18 a visita dun familiar unha vez á semana e con cita previa en 388 centros de maiores, 80 deles -o 87%- na provincia de Lugo. O presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este venres unha medida “apresurada” e “sorprendente” para as propias direccións dos xeriátricos, que polo de agora non recibiron da Consellería de Política Social comunicación oficial da decisión nin dun protocolo a seguir para a apertura. O persoal dos xeriátricos tiña como referencia neste sentido a fase 3 do plan de desescalada do Goberno central, prevista para a segunda quincena de xuño.
A apertura o vindeiro luns estará permitida en centros que non presentan ningún caso de coronavirus nin entre o persoal nin entre os residentes “nos últimos 15 días” e o municipio no que se atopan ten “tres ou menos” novos casos por cada cen mil habitantes.
CINCO CENTROS CON POSITIVOS A 1 DE MAIO
Á altura do primeiro de maio, a Xunta contabilizaba tres residentes e un traballador infectados no centro de maiores da Veiga, en Cervo; un usuario en Mirador del Eo (Ribadeo); outro en Betania (Viveiro); unha anciá na vivenda comunitaria privada Vilaoudriz (A Pontenova) e dous obreiros no xeriátrico de Burela.
Segundo o último reconto oficial da Xunta, só permanece un caso activo, en Mirador del Eo, trala alta da usuaria do xeriátrico da Pontenova.
Aínda que a Xunta négase a concretar que centros se beneficiarán da medida, aludindo só á cantidade deles que poderán facelo, as direccións dos centros de maiores da bisbarra exentos de coronavirus consideran que abrir o luns ás visitas “é precipitado”.
Na residencia de Xove, segundo certificaron as probas, non houbo casos de coronavirus nin entre o persoal (61 persoas) nin entre os usuarios (127). A directora do xeriátrico, Ana Fernández Noriega, considera “apresurado” abrir o luns dado que “non nos deron tempo para organizalo nin tampouco coordenadas; canto tempo ten que durar a visita ou que medidas de seguridade se teñen que adoptar”.
Á directora do centro remarca a importancia “de elaborar un calendario“, sexa por orde alfabética ou doutra maneira, para evitar alglomeracións. “Temos que ter o persoal organizado para estar pendentes de que se cumpre todo; que os familiares veñan cos elementos de protección e que cumpran as normas, porque se non é así non teremos feito nada”, asegura.
NA RESIDENCIA DE XOVE PERCIBEN “DETERIORO” NALGÚNS MAIORES E CREN “NECESARIA” A APERTURA, CON GARANTÍAS
Noriega, por outra banda, si que considera “necesario” que se axilicen as visitas, porque “eu xa percibo un deterioro nalgúns maiores. Nótalos tristes e impacientes, co ánimo moi baixo, algúns están apáticos e déixanse ir. Preguntan constantemente, porque para eles a motivación é ver as familias, e iso desapareceu dun día para o outro”, salienta. Igualmente, os parentes dos usuarios tamén preguntaron cada vez máis nas últimas xornadas pola posibilidade de ir velos.
“Pero hai que facelo con sentido común e moito coidado”, remarca. “Os familiares terán que entrar con máscara e luvas, desinfectar os pés á entrada, poñer unha bata, manter unha distancia de seguridade, facer desinfección de salas, de paquetes que poidan traer…”, enumera.
Deste xeito, teno claro: “sen un protocolo claro non imos comezar as visitas, o que non imos facer agora é poñer en risco a ninguén”. Neste sentido, resalta que ao longo dos últimos meses, con todas as medidas de precaución adoptadas, “os maiores enfermaron moi pouco“.
EN FOZ, NINGUNHA FAMILIA “SOLICITOU VISITA”
Fátima Fernández, directora do xeriátrico de Foz, que a priori tamén podería abrir, salienta que “non abriremos o luns” e subliña que no seu caso agarda directrices “non só da Xunta, se non da nosa propia empresa (Idea, de Navarra) e tamén do propio Concello de Foz, porque o centro é de titularidade municipal”.
“É demasiado apresurado, vémolo imposible, porque un protocolo non se pode implantar en dous días. Esperamos alomenos ter dez días para facelo”, subliña, para engadir que “contamos co apoio das familias para non prexudicar a ninguén. Todos están desexosos de verse, pero coas garantías necesarias. Por agora non nos chamou ninguén para pedilo, as familias contaban entrar en xuño ou xullo“, manifesta.
“Habería que delimitar quenes son os primeiros, por suposto os que menos risco conleven; teremos que ver por onde entran, haberá que habilitar unha sala, dispoñer os equipos de protección individual (EPIs), ver como controlamos o contacto físico, que é complicado despois de dous meses sen verse…”, concreta.
Nese sentido, sinala que malia que hai semanas que non se contabilizan positivos no centro “aínda hoxe (venres) rematou o illamento a última persoa que estaba confinada polo Covid-19, porque foi un proceso aos poucos”.
REPARTO DE TRANSISTORES
A Xunta de Galicia repartiu cincuenta transistores entre os usuarios de catro residencias públicas de maiores na provincia de Lugo, para que os residentes das mesmas teñan máis facilidades para escoitar a radio durante o estado de alarma.
Os centros que recibiron eses transistores son os das Gándaras e A Milagrosa, na cidade de Lugo, e as residencias de maiores de Burela -na Mariña– e Monforte de Lemos -na zona sur da provincia-.