PUBLICIDADE
Inicio sociedade A anciá da vivenda comunitaria da Pontenova recibe a alta e queda...

A anciá da vivenda comunitaria da Pontenova recibe a alta e queda un positivo nas residencias da Mariña

O único caso activo, segundo o Sergas, é o dun maior de Mirador del Eo que permanece illado e asintomático, á espera de proba para descartar a doenza

Vivenda comunitaria privada Vilaoudriz. WIKIPEDIA

Un maior da vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, de Ribadeo, é o único caso activo de coronavirus nas residencias da Mariña Lucense, segundo o reconto oficial do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que inclúe a alta da anciá que dera positivo na vivenda comunitaria privada Vilaoudriz, da Pontenova.

Esta muller, de 96 anos, foi sometida o pasado martes a unha segunda proba PCR, tras dar positivo a finais do pasado mes de abril nas análises realizadas a todos os traballadores (sete) e usuarios (doce) do centro de maiores.

A DIRECCIÓN SOSPEITABA DUN FALSO POSITIVO

O resultado foi negativo, tal e como esperaba a dirección do xeriátrico pontenovés. “Cremos que se tratou dun falso positivo porque esta persoa estaba asintomática, non saía da residencia desde xaneiro e convivía na mesma habitación con outra usuaria que non resultou infectada”, asegura o responsable do centro de maiores, Juan Navia.

O máis “complicado” foi, asegura, concienciar “a unha persoa de 96 anos de que non debe saír cando consideramos que non temos razóns para impedírllelo”. Trala PCR negativa, esta muller irase incorporando pouco a pouco á rutina diaria do centro. “Recomendáronnos uns días de limpeza, de comer nunha quenda diferente á dos demais, por exemplo, pero esperamos que para o sábado xa estea a situación normalizada”.

Navia agradece a “comprensión e apoio” das familias, que facilitaron ao persoal “levalo dentro do mal que o pasamos”. Neste sentido, insta a “axudarnos todos nesta situación tan complicada porque ninguén quere ter o virus na súa casa”.

No tocante ao positivo que fica en Mirador del Eo, desde a dirección do centro aseguran que este maior permanece asintomático e en illamento á espera da realización do test para darlle a alta.

CINCO CASOS MÁIS NA PROVINCIA; SEN INGRESADOS EN BURELA

No tocante aos casos activos na provincia, houbo un leve repunte dos mesmos, con 122 documentados na estatística oficial deste venres, cinco máis có pasado xoves.

Destes 122 positivos, non hai persoas ingresadas no Hospital Público da Mariña.

Catro doentes permanecen na Unidade de Coidados Intensivos (Uci) do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Outro paciente fica en planta deste mesmo centro hospitalario. Diagnosticáronse 117 casos en domicilio, cinco máis ca onte. Un total de 27 persoas faleceron na provincia a causa da pandemia, cinco delas na Mariña Lucense. Déronse 770 altas.

601 FALECEMENTOS EN GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 2.008, deles 494 son da área da Coruña, 122 da de Lugo, 320 da de Ourense, 107 da de Pontevedra, 478 da área de Vigo, 413 da de Santiago, e 74 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 22 permanecen en Uci, 111 están en unidades de hospitalización e 1.875 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 8.283 persoas curadas, rexistrándose 601 falecementos. O número de PCR realizadas é de 122.456.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here