O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, enviou un novo artigo aos medios de comunicación no que expón a súa visión sobre o conflito laboral de Alcoa, logo de que a multinacional presentara un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que contempla ata 534 despedimentos na planta de aluminio, unha medida que afectaría a outros 400 postos de traballo en empresas auxiliares. O rexedor cervense carga de novo contra o Goberno central e esíxelle que achegue “70 millóns de euros” para “salvar a nosa fábrica”.
Villares insistiu en que “o Estado sempre puxo diñeiro para minimizar o custo do gasto enerxético” na planta de aluminio e asegurou que “desde o inicio son 90 millóns ao ano, mentres que nos últimos dous só se están poñendo 20”. Identificando unha vez máis unha empresa privada como Alcoa e a comarca da Mariña Lucense, argumenta o rexedor que “faltan 70 millóns que o Goberno español nos quitou e que os derivou a outras zonas de España”.
Respecto ás críticas do Goberno central a Alcoa por non amosar interese en modernizarse cando recibiu 693 millóns en axudas desde 2011, Villares preguntouse “como pode ser que aceptemos que o Executivo nos bote en cara que levamos recibido moitos cartos nestes anos?”.
“É MOI FÁCIL RESOLVER O PROBLEMA”, SOSTÉN
“Todos os cartos que se di que viñeron para Alcoa, en realidade viñeron para a comarca. Viñeron para todos e cada un dos salarios de moitos veciños traballen ou non na nosa fábrica”, manifestou.
Deste xeito, reiterou a demanda ao Executivo central de que convoque “unha poxa de interrompibilidade con bloques de 90 MW que retirou nas últimas subastas, e que envolvían os millóns que virían para a nosa comarca, para a nosa empresa”, afirmou.
“Se dá eses pasos o Goberno e a empresa quere pechar igualmente, entón si que será a a multinacional a responsable do problema, pero nestes momentos a responsabilidade é do Executivo central”, esgrimiu, engadindo que “é moi fácil resolver o problema”.
CRITICA A “ENTIDADES E ADMINISTRACIÓNS” QUE “TENTAN CONFUNDIR”
O rexedor cervense que “temos que resolver urxentemente o noso futuro” e sostivo que “hai persoas, entidades, administracións, que están dicindo cousas que para nada nos interesan neste momento”, considerando que algunhas delas “non son conscientes do que nos pode vir enriba se pecha a nosa fábrica” e que outras “estanse aproveitando da desesperación e da dor de moitos mariñaos para enganarnos e confundirnos“.
Podes ler o texto completo na seguinte ligazón. Alcoa 18062020 (II)