O presidente do Principado de Asturias, o socialista Adrián Barbón, confirmou este xoves que Asturias detectou o primeiro caso de coronavirus en 20 días, positivo que podería ter relación co brote localizado na Mariña Lucense, onde se documentan polo de agora 47 infectados.
Segundo recolleu a prensa local, unha muller que vive no Occidente de Asturias e traballa nunha localidade da comarca da Mariña Lucense deu positivo por Covid-19 e permanece en seguimento domiciliario na área sanitaria de Jarrio. Esta persoa ten “sintomatoloxía leve”, anunciou o Goberno asturiano.
Barbón explicou que se racha así a tendencia positiva no Principado: “xa non estamos libres de coronavirus“, remarcou. Finalizou afirmando que os esforzos da Consellería de Saúde do Executivo autonómico asturiano céntranse en identificar a todos os contactos desta paciente afectada para evitar un brote.