O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, criticou a proposta formulada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, respecto dun posible “peche selectivo” na Mariña Lucense. O dirixente do Goberno autonómico sinalou que practicamente o 90% dos casos de coronavirus da bisbarra están en Xove, Burela e Foz e suxeriu “abrir parte” da comarca, o que o rexedor burelao censurou con dureza.
LLANO: “SINÁLANNOS COMO CULPABLES”
“Hoxe tristemente escoitamos ao presidente dicindo que non todos os concellos están afectados da mesma maneira, entón hai unha posibilidade de acotar os concellos que están máis afectados, entre os que nos atopamos nós máis Foz e Xove. Isto sería unha inxustiza e irresponsabilidade absoluta porque por un lado nos sinalan como se fosemos nós os causantes de todo o mal, cando as razóns reais na Mariña é que todos nos intercomunicamos, hai moita xente que ven traballar a Burela e moita xente de Burela que vai traballar a outros municipios”, argumentou Llano.
“Parece que non é serio todo o que se fala, son moi improvisadas todas as decisións que se toman, parecen de persoas que non están pola labor de vixiar a saúde nin de aplicar a xustiza como se debe”, expuxo o rexedor burelao.
Llano valorou os datos oficiais ofrecidos pola Xunta, con tres novos casos detectados para 131, dos que dez recibiron a alta. “O dato positivo é que se poideramos frear a cadea de contaxios sería extraordinario”, indicou. “Sería unha ledicia para todos nós que puidéramos normalizar o antes posible toda a situación na Mariña para que poidamos recuperar a motivación de volver visitar a nosa comarca e as condicións socioeconómicas mellores para todos”, indicou.
DE CARA AOS COMICIOS “A MARIÑA XOGA EN DESVANTAXE”
Llano insiste na necesidade de aprazar as eleccións na comarca porque a veciñanza desta zona “xoga en desvantaxe” o vindeiro domingo con respecto a outros lugares de Galicia.
O rexedor burelao sinalou que “hai unha serie de xente confinada, unha serie de xente positiva, que se está agora mesmo valorando incluso que poidan ir votar”. Llano asegurou que “hai moita preocupación e incertezas que hai que mirar como se solucionan e que a xente se sinta con confianza para ir votar. Nas actuais condicións vai ser difícil; moita xente dime a ver como vai ser isto porque ninguén quere arriscar se non hai unhas garantías sanitarias ao cen por cen”, afirma.
Tanto as eleccións como a xestión da pandemia desataron unha forte controversia entre os gobernos municipais. Alcaldes destacaron a evolución “positiva” coa diminución de positivos, mentres que outros criticaron que a Consellería de Sanidade “maquille” os datos que lles facilita.
SALGUEIRO VALORA “O TRABALLO FEITO”
O rexedor de Xove, o popular Demetrio Salgueiro, valorou a “tendencia positiva” ao rexistrarse “só tres positivos” porque “se nota o traballo feito desde a Consellería de Sanidade. Espero que siga a tendencia para saír desta situación canto antes”, afirmou.
Este alcalde pediu aos veciños de Xove, onde se rexistran “dous positivos deste brote“, que “extremen as medidas de protección” co fin de “evitar a dispersión” do virus.
VILLARES INSTA A NON XERAR “ALARMAS INNECESARIAS”
Nesta liña, o rexedor de Cervo, o popular Alfonso Villares, expresou o seu desexo de que “as cifras sigan ese camiño” porque lles “tranquiliza”. Ademais, defendeu “non crear máis alarma innecesaria nestes momentos” porque “non axuda nin á saúde das persoas nin á forma de vida doutras”.
Mentres, o alcalde do Vicedo, o tamén conservador Jesús Novo, resaltou que lles trasladaron a redución do número de casos e que se “está controlando a pandemia”. “As noticias son mellores que onte”, abundou.
OS REXEDORES RECLAMAN AS ESTATÍSTICAS POR ESCRITO
Fronte aos rexedores populares, os socialistas e do BNG mostráronse críticos cos datos facilitados, polo que os reclamaron por escrito. Respecto diso, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, puntualizou que no seu municipio trasladáronlles seis positivos, dous deles de alta, pero criticou a cifra de confinados por non ser concretada, “case mil“, sinalou.
A alcaldesa de Viveiro sinalou que lles transmitiron que esperará a este venres por parte de Sanidade para avaliar “se seguen as mesmas medidas”, amplíanse ou se acouta máis a zona pechada polo brote. Así, o seu homólogo de Alfoz, o socialista Jorge Val, destacou que “baixaron un pouco os contaxios” e desexou que “non haxa ningún”.
Nesta liña, o rexedor socialista de Foz, Francisco Cajoto, admitiu, como outros alcaldes, que “houbo momentos tensos” na reunión telemática deste martes, sobre todo en relación a “as medidas a dispor de face aos comicios do domingo” e en relación á “concreción dos datos”.
“Solicitamos á Consellería que houbese unha corrección en canto ao ámbito competencial”, explicou Cajoto en relación a que se delegou, como autoridades sanitarias, nos alcaldes da Mariña os labores de control do cumprimento das medidas adoptadas con motivo do brote. Segundo lamentou, por parte de Sanidade aseguráronlles que “non se ía a facer corrección algunha”.
Tras insistir o alcalde de Foz que “colaboración toda”, reiterou que lles “falta esa interlocución real e efectiva” e que se lles “escoite e atenden as demandas”. Como outros compañeiros, lamentou que a Xunta, a través do presidente Alberto Núñez Feijóo, anunciase decisións antes da reunión cos rexedores da Mariña.
“QUEREN TRANQUILIZAR Á XENTE PARA O DOMINGO”, DI ERMIDA
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida (BNG), criticou o cambio de criterio á hora de trasladarlles os datos epidemiolóxicos “polo que é complicado facer seguimento real”. E criticou que non coinciden cos que ten o Concello, xa que este ten coñecemento de persoas en corentena e contactos directos de positivos, cando a Xunta lles indicou que “só hai un caso positivo” nesta localidade e ningún en corentena.
“Están a maquillar os datos para transmitir sensación de control“, afirmou Ermida, quen subliñou “intencionalidade clara de tentar tranquilizar á xente para o domingo. É imperdoable non dicir aos veciños o que hai”, afirmou.
Ademais, tras reclamar á Xunta “algún protocolo específico” para este domingo electoral “no caso de que vaian adiante as eleccións”, contestáronlles que “había un plan moi claro”, pero “sen concretar actuacións concretas” para esta comarca cun brote con 131 casos.
Deste xeito, mostrou a súa “sensación” de que “esa lealdade que se pide aos concellos non se está practicando desde a Xunta”, reprochou, para apuntar que lle “gustaría saber se a valoración deste venres vai ser cos datos reais”.
SUÁREZ BARCIA: “NON PODEN PEDIR LEALDADE PORQUE CADA DÍA DIN AS CIFRAS DUNHA MANEIRA”
O seu compañeiro de formación, o rexedor nacionalista de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, tachou de “moi tensa” a reunión telemática deste martes e cualificou de “intolerable” que “cada día din os datos dunha maneira. Non poden pedir lealdade”, considerou e logo facer un “despropósito” coas cifras.
Suárez Barcia manifestou que algúns alcaldes lle trasladaron de novo á Xunta que se apracen as eleccións deste domingo porque lles “parece unha temeridade” co brote activo. “Iso pode ser unha carnicería“, asegurou ante a posibilidade de que vaian votar persoas con Covid-19 e se estenda o virus.