O pleno da Deputación Provincial de Lugo acordou este martes –cos votos favorables de PSdeG e BNG e a abstención do PP– reclamar ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que cumpra as súas promesas electorais sobre Alcoa, nunha sesión plenaria protagonizada pola Mariña, dado que tamén se debateu unha proposta dos conservadores para un plan de reactivación, finalmente frustrada.
A deputada de Muller e Igualdade e alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, sinalou que os socialistas presentaron esta moción para que “a Xunta se poña a traballar” e deixe de estar “de perfil”. Segundo lembrou, Feijóo anunciou que se gañaba o Partido Popular as eleccións xerais se comprometía “persoalmente” a arranxar o problema. “Parece que a problemática se esfumou”, expuxo.
“A responsabilidade sobre Alcoa non ten variado en función dos resultados das eleccións xerais”, afirmou a socialista, que concretou que o propio Feijóo afirmou en Narón na campaña dos comicios autonómicos que a Xunta “non ía permitir” o peche de Alcoa. Un Goberno autonómico que “ten as competencias en materia industrial”, sinalou Loureiro.
Neste sentido, sostivo que é o “momento” de que todas as institucións “traballen da man” para atopar unha solución. A rexedora e deputada provincial ve un “albisco de esperanza” trala reunión da mesa multilateral celebrada o luns, na que o Goberno “puxo enriba da mesa” un investidor para “salvar a fábrica de aluminio”.
Así, Loureiro reclamou implicación do Executivo autonómico á vez que tamén “demanda” solucións e medidas ao Goberno central para “evitar” os máis de 900 despedimentos previstos tanto na planta de aluminio de San Cibrao como nas empresas auxiliares.
O PP ACUSA AOS SOCIALISTAS DE “TENTAR TOMAR O PELO” AO NON INCLUÍR “A APROBACIÓN DO ESTATUTO”
O BNG RECLAMA A INTERVENCIÓN: “NON HAI TEMPO”
O deputado frontista pediu a populares e socialistas que deixen o “pim pam pum” e que “interveñan a planta de aluminio, como piden os traballadores. “É importante un marco enerxético para Galicia pero agora, para salvar os postos de traballo, a urxencia é a nacionalización, porque non hai tempo. Alcoa está ameazando con parar as cubas”, enfatizou, interpelando ao Estado e á Xunta de Galicia: “Cando se goberna, hai que asumir responsabillidades”, apuntou o deputado nacionalista na exposición dunha emenda para pedir a intervención de Alcoa que o PSOE non quixo incorporar a súa moción sobre a situación de Alcoa San Cibrao.
NOVO (PP): “A CAMPAÑA CONTRA AS ELECCIÓNS REPERCUTIU NA IMAXE DA COMARCA”
Por parte do PP, Jesús Novo explicou a iniciativa por un plan de reactivación para A Mariña. Lembrou que alcaldes socialistas e nacionalistas, pouco antes das pasadas eleccións, chegaron a pedir que se aprazaran porque, dicían, non se daban condicións para que fora sanitariamente seguro ir a votar. “Tal manifestación repercutiu gravemente na imaxe da Mariña”, argumentou o rexedor do Vicedo, que reclamou por un lado promocionar a imaxe da comarca como destino seguro e por outro a mellora de estadas incluíndo o desbroce.
CASTRO (BNG), SOBRE AS ACUSACIÓNS DE “ALARMISMO” DO PP: “FOI A XUNTA QUEN CONFINOU A MARIÑA”
En relación coa situación da Mariña, o BNG contrapuxo o seu modelo, que pasa “pola reindustralización da comarca afectada por un goteo de peches na última década, ás fórmulas máxicas do PP que insistiu en fiar o futuro ao turismo cunha moción centrada exclusivamente na promoción turística”, indicou Castro.
No debate da proposta, o deputado rebateu as acusacións de “alarmismo” sobre a Covid 19, que lanzou o Partido Popular. “A Xunta confinou a Mariña. Algo estaría pasando alí. Vostedes non querían reaccionar e tiveron que facelo pola responsabilidade dos alcaldes que vían que había que controlar o brote”, argumentou o deputado nacionalista.