InicioEconomíaO Goberno concreta un comprador e esixe a venda a Alcoa, que...

O Goberno concreta un comprador e esixe a venda a Alcoa, que supedita a operación á parada de cubas

O comité sinala que "mañá" poderían concretarse reunións entre Executivo, multinacional e o posible investidor; a Xunta reclama á multinacional a paralización do ERE para avaliar a proposta

Publicada o

- Advertisement -

O Goberno central puxo na mesa multilateral polo futuro da planta de aluminio de San Cibrao, onde Alcoa presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE), o plan dun “investidor industrial” interesado en “comprar” a factoría. O Executivo estatal reclama á multinacional que retire o despedimento colectivo e venda a instalación, unha reclamación á que a compañía se mostra inflexible, pois afirma que non haberá transacción sen parar as cubas de electrólise e polo tanto sen executar 534 despedimentos na factoría, un recorte produtivo que arrastraría consigo outros 400 empregos na industria auxiliar.

O secretario xeral de Industria e Pequena e Mediana Empresa (Peme) do ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Raül Blanco, pediu a través dun comunicado de prensa á multinacional que se “aveña a negociar” cun “investidor industrial interesado na planta que daría continuidade ás instalacións a medio e longo prazo”.

O INVESTIDOR APOSTARÍA “POLAS RENOVABLES E O HIDRÓXENO VERDE”

“Hai un proxecto industrial alternativo que daría continuidade ás capacidades industriais na Mariña”, afirmou Blanco, que concretou que “no ámbito da enerxía”, este posible comprador “apostaría polas renovables e o hidróxeno verde e cun investimento industrial na planta que lle garantiría a rentabilidade no futuro”.

“NON HAI POR QUE DESPEDIR A NINGUÉN”, SOSTÉN BLANCO

Blanco asegurou que “agora é o momento”, referíndose á prórroga das consultas do ERE ata o 4 de agosto, de iniciar as negociacións co grupo investidor, posto que Alcoa “ten claro que non quere seguir. Non é necesario despedir a ninguén”, sostivo o representante do Goberno central.

A MULTINACIONAL: “SÓ COÑECEMOS AS LIÑAS XERAIS DO PROXECTO”

Fontes de Alcoa, por outra banda, reiteraron a mesma postura exposta días atrás: condiciona calquera venda a unha parada previa de cubas de electrólise. “Non temos concreción sobre o proxecto industrial do que se fala máis ca as liñas xerais, polo que o proceso de venda é incerto“, resalta a multinacional, que se amosa rotunda: “calquera” transacción “só se dará” se “primeiro se para” a maquinaria.

A COMPAÑÍA INSISTE NAS PERDAS PARA NEGARSE A VENDER COAS CUBAS OPERATIVAS

Alcoa alega para manterse inflexible que a planta de aluminio “perde máis dun millón de euros á semana e para a compañía é urxente frear estas perdas”.

A mensaxe da compañía estadounidense é idéntico ao de hai uns días: “Alcoa está aberta ás alternativas que se lle presenten, incluído un proceso de venda, pero en calquera caso non se iniciará ningún proceso deste tipo, pola súa complexidade, sen a parada previa da electrólise”.

O COMITÉ VE “UN CAMBIO SUBSTANCIAL” E PIDE Á XUNTA QUE SE REÚNA CO POSIBLE INVESTIDOR

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao expuxo a súa versión da reunión nun vídeo remitido aos medios de comunicación. “Temos un compromiso de reunións entre a multinacional, o Goberno central e este novo socio investidor, poranse mañá (polo martes) en contacto”.

Os traballadores instan á Xunta de Galicia a reunirse con este socio investidor “xa que ela mesma dixo que é un cambio substancial na problemática do ERE. Se hai un comprador que está disposto a continuar con ese marco enerxético que porá o Goberno e coas cubas funcionando marcaría unha nova fase neste proceso. O Executivo comprometeuse a que desde o primeiro momento tería ese prezo, que é fundamental”, remarcou o presidente do comité, José Antonio Zan.

A FOLGA CONTINUARÁ, PERO LEVÁNTASE O CAMPAMENTO

A folga indefinida iniciada hai unha semana continuará, segundo concretou Zan, que precisou que con todo levantarase o campamento disposto na fábrica. Sindicatos e Alcoa retomarán o vindeiro martes, día 28, as conversas do ERE.

A CIG RECLAMA A INTERVENCIÓN: “AS CONDICIÓNS QUE PON ALCOA SON IMPOSIBLES”

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, pediu concretar un calendario de reunións da mesa até o 4 de agosto e que neste período o Goberno español traballe coa Xunta a fin de desenvolver o plan industrial que hai enriba da mesa e que ambas Administracións aborden esta proposta coa empresa co obxectivo de concretala.

Neste senso, solicitou que se convoque novamente á mesa “a máis tardar o venres desta semana para coñecer as xestións realizadas”. Por parte do Ministerio quedouse de fixar data da próxima reunión da mesa para trasladar as conclusións do traballo que o Goberno central e a Xunta se comprometeron a realizar nos vindeiros días, indicou.

En canto á postura da empresa, Carril valorou que “semella que hai unha disposición por parte de Alcoa a unha venda, pero só en aparencia porque as condicións que impón son imposíbeis. En calquera caso, rexeitamos que Alcoa poña como condición necesaria a hibernación para que haxa unha solución de continuidade na fábrica de San Cibrao sen a multinacional”, aseverou.

A este respecto, volveu defender a intervención pública da factoría, valorando que “non resulta críbel que o poder público non teña capacidade nin instrumentos para impedir que unha empresa execute despedimentos e recorte a capacidade produtiva”.

CONDE PIDE CONSTITUÍR UN GRUPO DE TRABALLO E “TEMPO” PARA COÑECER O PROXECTO

O conselleiro de Economía e Industria da Xunta, Francisco Conde, solicitou a constitución dun grupo de traballo e o aprazamento do ERE para avaliar a posible proposta dun investidor.

Conde defendeu coñecer o contido desta proposta e pediu “tempo” para poder identificar entre todas as partes as condicións e requirimentos que garantan a continuidade da actividade e do emprego.

O conselleiro de Industria reclamou “transparencia” ao Executivo estatal ante o “descoñecemento” do contido da proposta, e afirmou que a colaboración da Xunta será “total” neste “novo escenario” no que Alcoa “manifestou que está disposta a iniciar un proceso de venda”.

Na reunión interviñeron o conselleiro de Economía e Industria da Xunta, Francisco Conde, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, o presidente de Alcoa en España, Álvaro Dorado, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, e os responsables autonómicos de industria de UGT, CC OO e CIG. Tamén asistiron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o director xeral de Industria e Pyme do Ministerio, Galo Gutiérrez, o subdirector adxunto de Enerxía Eléctrica do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Carlos Redondo, e varios representantes do comité de empresa de San Cibrao, así como delegados sindicais das auxiliares.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...