InicioM.ambiente e PatrimonioO BNG esixe reformas na EDAR das Quintas logo de que Rueta...

O BNG esixe reformas na EDAR das Quintas logo de que Rueta tivese “o peor dato de Galicia” en bacterias

O Bloque atribúe ao "abandono" da depuradora a contaminación microbiolóxica rexistrada días atrás; o Concello achaca a situación "ás chuvias torrenciais" e resalta que o baño é seguro

Publicada o

- Advertisement -

Concello de Cervo e BNG polemizaron este venres despois de que as análises realizadas na praia de Rueta documentasen o pasado 12 de agosto contaminación microbiolóxica, o que fixo que a Consellería de Sanidade fixese a recomendación de non bañarse no areal. O Bloque resalta que os valores do espazo natural foron “os peores” de toda a comunidade, cuestión que atribúe ao “abandono” da estación depuradora de augas residuais (EDAR) ubicada nas Quintas, mentres que o goberno local asegura que á luz dos últimos controis “o baño é seguro” e achaca a situación “ás choivas torrenciais” desde mesmo día.

A formación nacionalista esgrimiu que o pasado 12 de agosto o areal de Rueta “ofreceu os peores datos de toda Galicia no control microbiolóxico das augas de zonas de baño” realizado pola Consellaría de Sanidade. A concentración de bacterias Escherichia Coli e enterococo intestinal acadou “valores elevadísimos, que supuxeron a declaración de areal afectado por contaminación e a recomendación oficial de non bañarse”. O pasado 17 de agosto, “cinco días despois da analítica, a Xefatura Territorial de Sanidade en Lugo instaba ao Concello a advertir no propio areal da situación non apta para o baño”, expón o BNG cervense.

OS PROBLEMAS NO AREAL “REPÍTENSE PERIODICAMENTE”

O goberno municipal “ocultou estes datos“, sostén o Bloque, “e a praia permaneceu aberta sen advertencia ningunha para os usuarios”.

Os concelleiros do grupo municipal do BNG, Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, salientaron que “a contaminación de Rueta repítese periodicamente debido á pésima, por inexistente, xestión da depuradora de augas residuais das Quintas. Non se lle fan os labores de mantemento necesarios para o seu bo funcionamento nin se intentan resolver os problemas estruturais que arrastra desde a súa instalación”, afirmou Fernández.

Cando chove, argumenta o BNG, a depuradora non ten capacidade para tratar as augas procedentes dos pluviais e actívase automaticamente o mecanismo que libera a auga sen depurar directamente ao río Xunco. Durante os seguintes días, Rueta permanece contaminada. “Así leva pasando desde hai moito anos sen que desde o goberno do Concello se pensase acometer ningunha reforma ou orzamentar labores de mantemento e xestión ordinarias”, denunciaron desde o grupo local do Bloque.

“INCÚMPRENSE CONVENIOS DE AXUDAS PÚBLICAS”, DI O BNG

Os nacionalistas critican a “indiferenza” do goberno local no tocante ao medioambiente, con “praias mal coidadas, falta de socorristas e baños públicos pechados a pesar das axudas públicas recibidas mediante convenios que non se cumpren”.

Deste xeito, concretan que a Xunta de Galicia facilitou unha subvención de 26.000 euros “para  mellorar a limpeza de areais antes e durante a tempada estival con maquinaria para un período de catro meses, limpeza diaria de aseoss, sinalizacións, ou gastos correntes de socorristas por un importe total de 26.000 euros”. Neste sentido, “os baños dos areais da Caosa, Cubelas e O Torno estiveron pechados todo o verán, e únicamente éste último foi aberto ao público o 2 de agosto pasado”. Os concelleiros nacionalistas conclúen que o Concello “vive no desleixo e no abandono, e tenta disimular esta inmobilidade con propaganda estéril e palabras baleiras”.

O EXECUTIVO MUNICIPAL FALA DUN PROBLEMA “A NIVEL GALEGO”

O goberno local xustificou nas “chuvias torrenciais” do 12 de agosto a contaminación microbiolóxica, “que afectou a numerosas praias en toda a comunidade autónoma, incluída a praia de Rueta”, e subliñou que “as augas de todos os areais do Concello son aptas e seguras para o baño, segundo se mostra nos resultados dos diferentes análises efectuados nos últimos días”.

Segundo afirma a delegada de Medio Ambiente, Mali Méndez, “no momento no que se detectou dita contaminación, o Concello de Cervo colocou no areal un letreiro no cal se sinalaba a prohibición do baño. En canto a práctica do baño volveu ser segura, retirouse o cartaz e a actividade na praia volveu á normalidade”, argumenta.

A concelleira recalcou que “o resto das praias do noso Concello no se viron afectadas pola contaminación, e ata o día de hoxe todas as análises feitos nos distintos areais son positivos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...