O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo ascende a 810, seis máis ca onte, segundo o reconto ofrecido este domingo polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Nas últimas 24 horas déronse un total de 38 altas, do que se deduce que se documentaron 44 novos positivos.
Dos 810 positivos, 58 permanecen ingresados, un máis ca onte. Deles, 54 fican no HULA, catro en coidados intensivos, mentres que tres pacientes son atendidos no Hospital Público da Mariña e outro en Monforte, todos en planta. Hai 752 doentes illados nos domicilios.
No histórico da provincia desde o inicio da pandemia documéntanse 48 falecementos, tras tres novas mortes de persoas ingresadas no HULA, dúas delas usuarias da residencia do Incio.
Seis das vítimas mortais do virus na área lucense desde o inicio da pandemia eran da Mariña, sete se se ten en conta que un varón faleceu na Uci de Burela tras ingresar polo virus e superar a doenza no seu período na unidade de críticos. Déronse 1.522 altas e o total de casos acumulados ascende a 2.380.
RESIDENCIAS
No tocante ás residencias, detectouse un único caso na Mariña, o dunha traballadora do xeriátrico San Bartolomeu de Xove. Non se localizaron máis positivos nin entre o persoal nin entre os usuarios. A nivel provincial, os datos de contaxiados son os seguintes:
MAIORES
82 Residencia O Incio (O Incio)
46 Residencia DomusVi Lugo
TRABALLADORES
1 Residencia DomusVi Monforte (Monforte de Lemos)
33 Residencia O Incio (O Incio)
8 Residencia DomusVi Lugo (Outeiro de Rei)
1 Residencia de Maiores San Bartolomeu (Xove)
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.175, 38 máis ca onte; deles 1.424 son da área da Coruña, 810 da de Lugo, 429 da de Ourense, 323 da de Pontevedra, 344 da área de Vigo, 688 da de Santiago e 157 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 17 están en Uci, 187 en unidades de hospitalización e 3.971 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 13.649 persoas curadas, rexistrándose 659 falecementos. O número de PCR realizadas é de 363.957.