InicioEconomíaCC OO lembra as "axudas" e "concesións en exclusiva" recibidas por Alcoa...

CC OO lembra as “axudas” e “concesións en exclusiva” recibidas por Alcoa e esíxelle que venda

A central acusa á propietaria de Aluminio de "boicotear" as negociacións con Liberty House e pide ás Administracións "que non permitan" á titular "usar ás familias e xogar coa vida dunha comarca"

Publicada o

- Advertisement -

O sindicato Comisiones Obreras (CC OO) emitiu un comunicado de prensa no que reforza a postura do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, acusando á multinacional de “boicotear” de forma “vergoñenta” o proceso de venda da planta de aluminio a Liberty House.

“Os valores que di ter esta compañía están moi lonxe de ser realidade”, asegura a central, lembrando que un posible fracaso do proceso de venta, coa conseguinte continuidade do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE), podería afectar a 534 traballadores da planta de aluminio e “a outros 500 das empresas auxiliares”.

O sindicato critica as “filtracións de documentación e de cuestións sobre o proceso de negociacións” a “un medio de comunicación”, pois son manobras que entende encamiñadas “a que GFC Alliance / Liberty House abandone a súa pretensión de dar continuidade á única fábrica que España ten de aluminio primario”.

“A mala fe” de Alcoa queda demostrada, segundo a central, polo feito de “non querer facilitar o contrato de subministro de materia prima máis aló de cinco anos, cando a propia Alcoa asinou para as plantas de Noruega, non hai tanto tempo, acordos por máis de dez. Ademais, falta por aplicar unha rebaixa, anunciada hai un ano, por Roy Harvey de 1,6 millóns de toneladas de alúmina para os próximos 5 anos, cantidade exacta coa que se produce en San Cibrao”, explica CC OO.

LEMBRA QUE O ALUMINIO “É UN SECTOR ESTRATÉXICO E ESENCIAL”

“O Goberno de España e a Xunta de Galicia deben esixir, dunha forma contundente, que esta empresa, que gozou dun porto en concesión en exclusiva e un encoro de auga doce, co apoio de ambos e de toda a sociedade, non permitindo que xoguen dunha forma tan autoritaria coa vida dunha comarca e cun sector estratéxico e esencial desde o pasado 30 de marzo”, argumenta CC OO.

“É por todo iso que esiximos, a todas as partes, unha compravenda rápida, sen utilizar aos traballadores e as súas familias como arma arreboladiza ademais de esixir a Alcoa que negocie co obxecto de chegar a un acordo sen bloquear a situación xa que, a propia multinacional, despois de anos de beneficiarse de axudas das Administracións e de apoio de todos os Gobernos, xerou o problema que agora debe de resolver, permitindo a continuidade do centro de San Cibrao a través dunha compañía que está disposta a poñer en marcha un proxecto industrial sólido que permita o mantemento de todos os postos de traballo”, conclúe o sindicato.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...