O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo mantense en 745, segundo o reconto ofrecido este sábado polo Sergas. Nas últimas 24 horas déronse 26 altas, con idéntico número de positivos novos.
Dos 745 contaxiados, 55 permanecen ingresados. Dous son atendidos no Hospital Público da Mariña, outros dous en Monforte e 13 no Polusa, todos en planta. Un total de 38 fican no HULA, entre eles os tres pacientes da área lucense que precisan coidados intensivos. O número de doentes que pasan a corentena nos seus domicilios é de 690.
No histórico da pandemia documéntanse 76 falecementos. O pasado venres faleceu unha muller de 92 anos que estaba ingresada no HULA, procedente da residencia de Outeiro de Rei. Son once os falecidos neste xeriátrico, por 19 no centro de maiores do Incio.
As tres últimas persoas falecidas en centros hospitalarios foron varón de 93 años que faleceu no hospital privado POLUSA de Lugo, unha muller de 85 años que faleceu no Hospital Lucus Augusti e un varón de 89 anos que faleceu no CHUAC. Todos presentaban patoloxías previas.
Seis das vítimas mortais do virus na área lucense desde o inicio da pandemia eran da Mariña, sete se se ten en conta que un varón faleceu na Uci de Burela tras ingresar polo virus e superar a doenza no seu período na unidade de críticos. O número de altas sobe a 2.100 e o de casos acumulados a 2.921.
4.635 CASOS EN GALICIA, 48 MÁIS CA ONTE
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.365 (48 máis); deles 1.223 son da área da Coruña, 744 da de Lugo, 509 da de Ourense, 651 da de Pontevedra, 431 da área de Vigo, 626 da de Santiago, e 181 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 29 están en Uci, 200 en unidades de hospitalización e 4.136 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 16.525 persoas curadas, rexistrándose 710 falecementos. O número de PCR realizadas é de 421.776.
RESIDENCIAS
No tocante ás residencias, na Mariña hai un único caso, o dunha traballadora do xeriátrico San Bartolomeu de Xove. Non houbo máis positivos nin entre o persoal nin entre os usuarios. Os contaxios localizados na provincia son os seguintes:
MAIORES
1 Residencia Castro Ribeiras do Lea
58 Residencia O Incio (O Incio)
136 Residencia DomusVi Lugo (Outeiro de Rei)
TRABALLADORES
1 Residencia A Milagrosa (Lugo)
35 Residencia O Incio (O Incio)
22 Residencia DomusVi Lugo (Outeiro de Rei)
1 Residencia de Maiores San Bartolomeu (Xove)
1 Residencia de atención a persoas con dano cerebral (Castro de Rei)