InicioEconomíaO período de consultas do ERE conclúe sen acordo entre Alcoa e...

O período de consultas do ERE conclúe sen acordo entre Alcoa e sindicatos

Os obreiros, que este martes retomarán as protestas fronte á fábrica, apelan ás Administracións para que freen a multinacional, que ten 15 días para comunicar os despedimentos

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/EFE. O comité de empresa de Alcoa San Cibrao e a multinacional ultiman a sinatura dunha acta de desacordo que conclúa a negociación do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola multinacional na planta de aluminio, dado que a patronal e a parte social non chegaron a un pacto. Así o explicou o o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, aos medios de comunicación congregados en Nigrán.

Deste xeito, a normativa vixente, que desde a reforma laboral suprimiu o requisito de autorización administrativa previa, ampara á titular das instalacións para comunicar nun prazo de 15 días o despedimento colectivo na planta, cunha capacidade de 228.000 toneladas anuais.

A PARADA DE CUBAS, LIÑA VERMELLA PARA OS OBREIROS

A “reestruturación” pretendida na planta de aluminio, eufemismo utilizado por Alcoa, trátase en realidade do peche das cubas de electrólise, cesando a produción de ánodos, de metal líquido e das actividades relacionadas, así como a elaboración de tochoslingotes e de parte da factura de placas de fundición. Segundo a proposta inicial, o ERE afectaría a 534 dos 633 traballadores da factoría, aínda que o recorte produtivo suporía ademais a perda de alomenos 400 empregos máis nas empresas auxiliares, estiman os sindicatos.

Alcoa expuxo a través dun comunicado que “os representantes dos traballadores negáronse a negociar un plan social e non foi posible un acordo”, que pasaba pola “parada das cubas de electrólise e manter en funcionamento unha parte da fundición. A empresa conta agora cun prazo de ata 15 días, conforme á normativa española, para tomar unha decisión en relación ao proceso de despedimento colectivo”, remarca a multinacional.

Tal e como aconteceu hai case dous meses, os traballadores negáronse a aceptar calquera proposta que pasase pola parada de cubas, pois entenden que non hai futuro para a produción de aluminio na Mariña de apagarse a maquinaria, tomando como exemplo o acontecido na Coruña e Avilés, onde proxectos especulativos adquiriron as fábricas. A negativa a cruzar esa liña vermella trátase dun mandado da asemblea de persoal, tal e como se acordou na última xuntanza.

ALCOA NÉGASE A SENTAR COA SEPI SEN CONDICIONAR O EMPREGO

Segundo expuxo o propio comité nun descanso das negociacións -celebradas en Nigrán cunha forte presenza policial- Alcoa propuña sentarse a conversar coa SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) unha venda a cambio de que se asinase un ERE ou un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte), o que os traballadores rexeitaron ao entender que sería condenar o complexo industrial e aceptar un despedimento “en diferido”. Os obreiros pedíronlle á compañía norteamericana que negociase co Estado sen condicionar recortes no persoal, o que foi desbotado pola empresa.

Deste xeito, os empregados apelan ás Administracións para que freen a Alcoa e a obriguen a negociar, dado que hai un proxecto industrial “claro e conciso” interesado na compra das instalacións, o de Liberty House, e mesmo a SEPI formulou unha oferta, rexeitada pola propietaria.

O MOMENTO DAS ADMINISTRACIÓNS

Ao rexeitar asinar un ERE ou un Erte, os traballadores entenden que aguantaron a presión para non dar o visto bo á sentenza da fábrica e trasladan a iniciativa ás Administracións, instándoas a que convenzan a Alcoa para que outorgue un novo prazo de negociación a fin de traspasar a planta ou ben a que usen o mecanismo da intervención pública para asegurar os postos de traballo e a produción. Xunta e Goberno central advertiron á multinacional estadounidense que hai opcións “menos amigables” que unha venda para solucionar o conflito, que deberán aplicar se queren evitar o apagado das cubas.

AS PROTESTAS INTENSIFICARANSE

Pero a folla de ruta dos obreiros non será pasiva. Este luns luns, decenas de traballadores apoiaron aos seus compañeiros nunha negociación, no Pazo de Cea, marcada pola forte presenza policial.

O vindeiro martes retomarán as protestas, ás 7.00 horas xusto ao lado da factoría, segundo concretou Carril. Mobilizaranse a fin de reclamar a Xunta e Goberno que interveñan no conflito laboral.

Os sindicatos poderían tamén optar para gañar tempo pola vía xudicial, dado que entenden que a compañía está a cometer fraude de lei, ao negarse a vender cando un comprador “solvente” formulou o seu interese. Así, salientan a “mala fe” de Alcoa durante a negociación do ERE e do propio proceso de venda, pois houbo alternativas sobre a mesa para evitar os despedimentos.

Alcoa, pola súa banda, está en principio lexitimada legalmente -salvo expropiación– para parar as cubas, o que ambiciona argumentando que padece perdas “recorrentes” e insostibles no tempo -cífraas nun millón de euros por semana-.

ALCOA ESCUDOUSE NA SÚA NEGATIVA A NEGOCIAR POR ALÚMINA PARA NON VENDER

Para sindicatos e Administracións, o apagado da maquinaria foi desde o inicio o seu plan de partida. O comité advertiu dunha “premeditación absoluta” por parte da multinacional durante o proceso de venda, que finalizou tras seis semanas sen sequera avanzar as dúas compañías á segunda fase do procedemento, no que se ía realizar unha ‘due diligence‘ ou auditoría da planta, a fin de que Liberty House presentase unha oferta vinculante. Centrais, Xunta e Goberno acusan á empresa radicada en Pittsburgh de pretender colocar aluminio en España procedente do estranxeiro.

Malia que apenas variou a súa proposta de inicio durante as conversas, Alcoa escudouse en que as ofertas recibidas incluían sempre unha petición de poder de decisión sobre a planta de alúmina, que asegura “non estar en venda“, ou ben un compromiso de subministro de materia prima a longo prazo. Unha fábrica á que os sindicatos auguran pouco futuro, pois un terzo aproximadamente da produción da refinería é para a súa factoría irmá; de ser así, a curto prazo veríanse ameazados outros alomenos 900 empregos.

A MARIÑA, EN VILO

O que semella claro é que a parada das cubas e o conseguinte recorte do emprego suporía un enorme golpe social, económico e demográfico á comarca da Mariña, altamente dependente da produción do aluminio e sen alternativas para esta industria.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...