O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, vén de destacar que, no caso de non formalizarse a venda da planta de aluminio de Alcoa quedaría “acreditada a mala fe” da multinacional para evitar traspasar a fábrica co fin de “eliminar un competidor”. Nesta circunstancia, destacou, “entón o Goberno de España terá unha petición formal para intervir a compañía”.
Feijóo fixo esta afirmación no pleno do Parlamento, nunha sesión de control na que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu coñecer se o Goberno galego “traballa xa” na “intervención” da fábrica de aluminio primario, unha reclamación que os nacionalistas levan meses realizando.
O mandatario autonómico dixo que Alcoa está “en prazo de rectificar” e vender a fábrica, ou ben de forma directa a Liberty House ou ben á SEPI, para que logo a empresa pública lla revenda. Neste sentido, dixo que ata esgotar estas vías, a fábrica non se pode intervir, polo que esta acción, que solicitará a Xunta -aseverou-, é o terceiro paso do procedemento. Le a información completa no Galicia Confidencial.
Por outra banda, traballadores de Alcoa e de empresas auxiliares foron recibidos na Cámara galega por Pontón e outros deputados do Bloque con motivo do debate no Parlamento galego sobre esta cuestión.