A multinacional Alcoa garda silencio sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pretende aplicar na planta de aluminio de San Cibrao, e mantén que ten de prazo ata o vindeiro martes, 13 de outubro, para comunicar a súa decisión sobre o despedimento colectivo. Esta mañá, o comité de empresa asegurou que agarda que a compañía mova ficha “a finais desta semana”, dado que “non ten ningunha vontade” dunha saída negociada ao conflito laboral.
OS OBREIROS CREN QUE NON SE ESGOTARÁ O PRAZO “POIS NON HAI VONTADE DE NEGOCIAR”
Fontes da multinacional evitaron pronunciarse este mércores sobre que medidas adoptará a empresa -o pasado 30 de setembro aseguraron que non había “ningunha decisión tomada“-, que os obreiros esperan inminentes, e tamén sobre cando o fará. “É probable que non esgoten o prazo porque non teñen vontade de negociar” malia o interese na adquisición das instalacións por parte de Liberty House e da oferta temporal de compra formulada pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), expuxo o presidente do comité, José Antonio Zan.
O despedimento colectivo proposto en principio por Alcoa suporía o despedimento de 534 obreiros na fábrica e doutros 400 en empresas auxiliares. Os traballadores solicitarán, cando reciban a comunicación de Alcoa, a impugnación e medidas cautelares para a paralización do proceso. Seguen a esixir ás Administracións a intervención pública da planta.
Sobre a presión exercida polas Administracións, que ameazaron a Alcoa coa vía xudicial ao considerar que demostrou “mala fe” no proceso de negociación tanto da venda como do ERE, e con obrigarlle a devolver as axudas recibidas se detectan algún incumprimento en materia laboral ou medioambiental, a multinacional insiste no exposto ao longo das últimas semanas, asegurando que a comunicación coa Xunta de Galicia e o Goberno central “é fluída e está aberta”.
Alcoa sostén que tentou “unha venda responsable” e reitera que estaba disposta a ofrecer “70 millóns de dólares” para garantir a viabilidade da fábrica e “a protección dos traballadores” que pretende despedir, así como “a vender a planta por un euro e a asumir os custos de separación de ambas fábricas, cifrados nuns cincuenta millóns de dólares”. Insiste en que rexeitou ofertas de Liberty House e da SEPI ao solicitar un dereito preferente sobre a planta de alúmina.
A EMPRESA RECIBIU 800 MILLÓNS EN DEZ ANOS, A MAIORÍA A PARTIR DA POXA
No tocante ás axudas recibidas, que superaron os 800 millóns de euros ao longo dos últimos dez anos contando co diñeiro percibido nas sucesivas subastas de interrompibilidade, Alcoa sinala que este mecanismo deseñado polo PP trala eliminación da tarifa G4 para eludir sancións de Europa e compensar o elevado prezo da electricidade á industria electrointensiva, “non é unha subvención”.
Este proceso, que non poucos cualifican de “axuda encuberta“, premiaba aos participantes nunha poxa con bloques de potencia interrompible a cambio do compromiso a desengancharse da rede se tal situación era requerida ante problemas da demanda eléctrica. Deste xeito, dificilmente poderá o Estado presionar a Alcoa con devolver estas subvencións, que supoñen centos de millóns de euros nas contas da multinacional ao longo dos últimos anos.
Deste xeito, Alcoa afirma que recibiu “43 millóns” en dez anos, primeiro en materia de “axudas a proxectos ambientais ou de innovación”, e posteriormente “cando a Comisión da UE aprobou a compensación de custos indirectos de CO2“.