InicioEconomíaO Goberno insiste en presionar a Alcoa coa devolución das axudas públicas...

O Goberno insiste en presionar a Alcoa coa devolución das axudas públicas para que negocie a venda

Maroto di que agarda facer "toda a presión" para que a empresa retire o despedimento colectivo; di que o proxecto de Liberty "garante o futuro" da planta e pide "unidade" nuns días "decisivos"

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/EFE. A ministra de Industria, Reyes Maroto, dixo este martes que, se existe evidencia de incumprimentos por parte de Alcoa, vanlle a solicitar que devolva todas as axudas públicas que recibiu e afirmou que esperan poder exercer toda a presión posible para que a multinacional estadounidense cambie de actitude e non execute un despedimento colectivo que podería supoñer a perda de máis de 900 empregos entre a factoría de aluminio e as empresas auxiliares.

Maroto, en resposta a unha pregunta do senador socialista César Mogo sobre o proceso de negociación de venda da fábrica da multinacional do aluminio en San Cibrao, manifestou que os responsables de Alcoa sempre quixeron pechar a fábrica “e os feitos delatárona”.

Así, acusou á multinacional estadounidense de utilizar as negociacións para deixar pasar o tempo, así como os prazos acordados para a venda da planta ao grupo Liberty House, e “pechar a planta”.

O EXECUTIVO ASEGURA ANALIZAR “TODOS OS INSTRUMENTOS” PARA GARANTIR A PRODUCIÓN

A ministra, que asegurou que o Goberno segue traballando para buscar solucións para manter a capacidade industrial na fábrica da Mariña, afirmou que Alcoa demostrou “mala fe en todas as negociacións”.

Deste xeito, recordou que o pasado 13 de agosto conseguiuse que a multinacional estadounidense accedese a un proceso de venda, pero antes de que acabasen as seis semanas de prazo que se deron, Alcoa negouse á venda, malia que desde o Executivo ofrecéronlle unha compra transitoria a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

Maroto, que nun contexto no que abundan as voces que piden a expropiación das instalacións, entre elas as dos propios traballadores, dixo que están analizando “todos os instrumentos” para garantir un futuro á factoría, afirmou que o interese do grupo Liberty House por investir na planta “continúa” e que hai un proxecto que “garante o futuro” da fábrica. Sinalou que se puxeron en contacto coa Xunta de Galicia para que se revisen os expedientes de Alcoa e si existe evidencia de incumprimentos, van solicitarlle á multinacional que devolva todas as axudas públicas que recibiu.

A ministra recordou que onte mesmo se enviou un requerimiento a Alcoa para fiscalizar as axudas por CO2 correspondentes a 2019 e verificar que se cumpren os requisitos necesarios para recibir estas axudas.

“Esperamos que poidamos exercer toda esta presión para que Alcoa cambie de actitude”, engadiu Reyes Maroto, que manifestou que os próximos días “van ser decisivos” e que é importante manter a “unidade de acción” para conseguir o mellor desenlace.

A ministra afirmou que “Alcoa quere pechar e deixar sen futuro á comarca da Mariña” e asegurou que “o Goberno non o vai permitir“.

MESA MULTILATERAL

Pola súa banda, o secretario xeral de Industria e Peme, Raül Blanco, convocou unha nova reunión da mesa multilateral sobre o futuro da planta de Alcoa en San Cibrao, coa asistencia, a través de videoconferencia, do vicepresidente da Xunta de Galicia, Francisco Conde, e representantes sindicais da factoría.

Blanco explicou aos asistentes que o Ministerio de Industria e a Xunta de Galicia van “extremar a vixilancia” sobre Alcoa e esixiranlle que “xustifique o cumprimento da lexislación laboral e medioambiental“. No caso de que existan evidencias dalgún tipo de incumprimento, pediráselle que devolva todas as axudas públicas recibidas, segundo un comunicado de prensa do Executivo central.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...