Este mércores celebrouse en Viveiro unha xuntanza entre o xefe provincial de Costas do Estado, José Miguel Estevan Dols, os voceiros dos grupos políticos municipais e representantes da plataforma veciñal Salvemos a praia de Covas.
DEGRADACIÓN
Na xuntanza, o delegado do organismo estatal explicou as seis posibles solucións que se barallan para este areal, que se degrada día a día pola acción do mar co conseguinte perigo para as vivendas situadas cerca da costa, e tamén para os viandantes do paseo marítimo.
TRASVASAMENTOS DE AREA
Segundo explicou Estevan Dols, o Centro de Estudios e Experimentación de Obras Públicas (Cedex), entidade encargada de realizar o pertinente estudo, dúas das posibilidades pasarían pola acumulación da área, sexa por trasvasamento da zona oeste da praia, a partir dunha achega doutro areal.
BERMA
A elevación dunha berma ou franxa de area que transformaría o perfil da praia é outra das actuacións posibles, que deberían, en calquera caso, complementar outras.
ESPIGÓNS E DIQUES
Así, o Cedex propuxo a instalación dun espigón ou ben dun espigón illa, máis pequeno, que partiría da zona seca pero sen ter incidencia no paseo marítimo. Unha sexta alternativa é a creación dun dique sumerxido ou arrecife que frease a forza das olas, ao xeito do construído na praia de San Lorenzo, en Xixón.
CONSENSO
Trala explicación do organismo estatal, que espuxo os pros e contras de cada alternativa, a solución pasará primeiro por un consenso do tecido social de Viveiro e por iso crearase unha comisión para decidir cal é a mellor opción para a praia.
Participarán nela os grupos políticos e tamén os veciños, a fin de remitir posteriormente un escrito a Portos de Galicia no que se sinalará a alternativa máis axeitada. Por agora non hai data para unha xuntanza deste colectivo.