InicioEconomíaA falta de investimentos de Alcoa preocupa en San Cibrao

A falta de investimentos de Alcoa preocupa en San Cibrao

Malia que a planta cervense estará ao marxe dos despedimentos colectivos de Avilés e A Coruña, a ausencia de melloras transmite unha sensación de provisionalidade

Publicada o

- Advertisement -

O persoal da planta de San Cibrao de Alcoa vive con “moita preocupación” o anuncio do peche das fábricas de Avilés e A Coruña. A falta de investimentos da multinacional do aluminio non só nas factorías nas que prevé pechar, senón tamén no complexo industrial cervense, inquieta aos traballadores.

A empresa subliñou que a planta de San Cibrao está á marxe dos procedementos de despedimento colectivo que quere aplicar na Coruña e Asturias, e de feito anunciou a súa intención de “concentrar a produción” en Cervo.

PERDAS DE 74 MILLÓNS NESTE CURSO

A multinacional insiste en xustificar o peche das plantas de Avilés e A Coruña na súa “menor eficiencia” e nos “elevados custos fixos” que supoñen. Segundo fontes da empresa, o conxunto das dúas factorías deixou unhas perdas de 26 millóns de euros no 2017. A previsión de Alcoa para o presente ano é máis grave, pois calcula que o saldo negativo alcanzará os 74 millóns.

O complexo industrial de Cervo pechará o exercicio con resultados positivos180 millóns de euros segundo os sindicatos, unha cifra que nega a empresa. 

Con todo, e aínda que a fábrica cervense conta cunha tecnoloxía máis moderna que a de La Greta e San Balandrán, a falta de investimentos de Alcoa en San Cibrao supón unha fonte de intranquilidade para os máis de 1.000 obreiros directos da planta, aos que hai que sumar outros 600 indirectos

“SÓ PARCHES”

Nos últimos tempos só se fixeron parches, arranxouse o imprescindible”, sinala o presidente do comité de empresa, Xosé Paleo, que engade que “mentiría se non dixese que nos preocupa”.

O sindicalista da CIG expón que cada vez que se preguntou á empresa por melloras na planta, a resposta foi a mesma. “Din que como van investir se teñen unha tarifa eléctrica por seis meses”, expón. Unha contestación que provoca unha sensación de provisionalidade.

A TARIFA ELÉCTRICA, “A CHAVE”

Para Paleo, “é a pescada que se morde a cola. A empresa rexeita investir se non hai estabilidade económica e os gobernos tampouco se esforzan por acadar unha enerxía máis barata se non hai un compromiso de permanencia”, sinala.

O presidente do comité sancibrense agarda que Goberno e multinacional “senten á mesa para chegar a un acordo, porque Avilés e A Coruña son viables cunha enerxía a un prezo razonable”. 

Malia a versión de Alcoa, o sindicalista considera que o principal problema que afrontan as plantas españolas de Alcoa é o alto prezo da electricidade. “O custo da alúmina é o mesmo en todos os países, pero o da luz non. É incrible que en Galicia sexamos excedentarios en enerxía e teñamos estes problemas”, lamenta.

1.000 MILLÓNS EN DEZ ANOS

Neste senso, segundo recolle Galicia Confidencial, Alcoa recibiu 1.000 millóns de euros en axudas para abaratar a enerxía eléctrica ao longo dos últimos dez anos.

PIDEN FALAR CO DIRECTOR DA PLANTA

Os traballadores solicitaron este xoves unha xuntanza co director da planta, Rubén Bartolomé, que é tamén o presidente de Alcoa España, para que os informe dos despedimentos colectivos que se pretenden aplicar en Avilés e A Coruña, da subasta eléctrica e da situación de San Cibrao.

Por agora, os obreiros de San Cibrao non concretaron ningunha reivindicación a realizar. Paleo sinala que “estamos a barallar varias” e afirma que “de aquí ao inicio das negociacións”, previstas para o 31 de outubro, “haberá protestas”. 

MANIFESTACIÓN O SÁBADO

Primeiro toca apoiar aos compañeiros. Os traballadores de Alcoa na Coruña, que se reunirán con representantes da Xunta de Galicia e do Executivo este venres, seguen a cortar a saída dos camións con mercancía na fábrica.

Os obreiros convocaron para o vindeiro sábado unha manifestación, desde a Praza da Palloza ata a delegación do Goberno. A mobilización comezará ás 11.00 horas.

O comité de San Cibrao anunciou a súa presenza na protesta e anima aos traballadores da planta cervense a acudir á manifestación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...