Miles de persoas, entre elas obreiros da planta de San Cibrao, manifestáronse este sábado na Coruña contra o peche das fábricas de Alcoa na cidade herculina e en Avilés, que a multinacional do aluminio anunciou o pasado 17 de outubro.
Os manifestantes esixiron a retirada dos ERE de extinción presentados pola empresa, que suporían o despedimento de 317 persoas en Asturias e 369 na Coruña, ademais da destrución de postos de emprego indirectos.
O presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, reiterou que as plantas avilesina e coruñesa son produtivas “máis alá do que manipula a empresa”, e esixiu a retirada dos despedimentos colectivos, porque “non se pode impoñer esta solución sen unha negociación”.
Con pancartas como ‘estabilidade enerxética, futuro para a industria‘, ‘non ao desmantelamento da industria‘ ou ‘peche non, enerxía solución‘, os obreiros partiron desde a Praza da Palloza para concluír o acto na delegación do Goberno central.
MOBILIZACIÓNS
Os obreiros de Alcoa perfilaron un calendario de protestas para defender os seus postos de traballo. De 8.00 a 20.30 horas manterán catro quendas de concentracións permanentes diante da fábrica coruñesa. Ás 17.00 horas, de luns a xoves, haberá xuntanzas en sinal de protesta pola decisión da multinacional.
O domingo, desde as 12.00 horas, os traballadores foron convidados a realizar o saque de honra no partido de fútbol Atlético Arteixo-Noia.
O 29 de outubro realizarán unha marcha en roupa de traballo desde a fábrica ata a delegación do Executivo.
O 8 DE NOVEMBRO, EN AVILÉS
Para o 8 de novembro está prevista unha manifestación en Avilés. Antes, o 31 de outubro, empresa e representantes dos traballadores iniciarán as negociacións dos despedimentos colectivos.
APOIOS
Os traballadores da Coruña e Avilés e as súas familias non estiveron sós nas súas reivindicacións. Centos de coruñeses, operarios de San Cibrao, así como de representantes de PP, PSdeG, En Marea e BNG, reivindicaron o mantemento das fábricas.