A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu o recurso interposto por dez particulares contra a aprobación definitiva do Proxecto de Parque Eólico Sasdónigas, en Mondoñedo. Os maxistrados declararon nulo o acordo do Consello da Xunta tomado en novembro de 2018 no que se deu o visto e prace á modificación do proxecto inicial do parque, que fora aprobado en 2012. Norvento, a empresa promotora das instalacións, quería incluír un cambio de modelo de aeroxerador.
“Para que as modificacións dun parque eólico teñan o carácter de non esencial, deberán dispoñer de informe favorable do órgano ambiental respecto da proposta de modificación; e, no presente caso, aínda que existe, o documento non contén todos os informes sectoriais necesarios para valorar correctamente a incidencia ambiental da modificación proposta pola promotora”, salienta o TSXG.
Os maxistrados entenden que Norvento pretende realizar “unha división artificial dun único parque eólico en dúas fases”. Así, sinalan que a denominada Fase II “carece dos elementos e equipamentos necesarios para ser considerada unha instalación independente da Fase I”. O TSXG destaca que ese “desmembramento” evita que se analicen elementos como un xacemento arqueolóxico, o que denunciaba En Marea. “Ao realizar unha avaliación ambiental individual de cada un dos proxectos fragmentados, evítase unha verdadeira avaliación global de todo o proxecto”, destaca o TSXG.
A EMPRESA ALEGABA QUE OS AEROXERADORES RESULTAN “ATRACTIVOS” PARA OS TURISTAS
Os xuíces advirten que tampouco se valoraron correctamente “elementos especialmente protexidos, como o Camiño de Santiago“, xa que o cruza unha vía do parque eólico. Norvento, segundo consta na resolución, alegou que os aeroxeradores resultan “atractivos para os turistas, dando a entender que supoñen un valor engadido, en lugar dunha grave afectación polo seu impacto visual e acústico“. Os maxistrados recalcan que, ademais da ruta xacobea, o parque afecta “a importantes recursos hídricos”, entre eles dúas lagoas, tal e como tamén alertara a formación instrumental.