O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, afirmou hoxe que a autovía do Cantábrico “está máis preto” de ser “unha vía segura e aberta ao tráfico 100%” grazas aos avances nos dispositivos técnicos que reducirán o impacto actual das néboas no Alto do Fiouco. “Coa combinación dos dispositivos do Ministerio de Transportes que estamos verificando e as novas balizas da DGT, que estarán instaladas o próximo verán, conseguiremos superar o hándicap que nos impoñen as brétemas na zona”, explicou.
Na súa intervención, Losada salientou “o compromiso” do Ministerio de Transportes e do seu titular, José Luís Ábalos, con esta solución innovadora e coas melloras da infraestruturas e da mobilidade desta autovía e de toda a provincia de Lugo.
Durante a visita, o delegado anunciou que con estes novos sistemas “reduciranse as horas de peche actual da autovía nun 85%“, pasando das 700 horas de media anuais ás 100 horas, das que a metade serían en horario nocturno. “No que vai de 2020 este punto xa permaneceu pechado máis de 500 horas, uns 21 días, e cos sistemas que está testando o Ministerio de Transportes e os dispositivos de balizamento da Dirección Xeral de Tráfico as restricións ao tráfico serán mínimas”, aseverou, engadindo que por este tramo circulan actualmente 8.500 vehículos ao día, dos que 850 son de transporte pesado.
AS PROBAS DEFINITIVAS DOS CATRO PROXECTOS SERÁN A PARTIR DA VINDEIRA PRIMAVERA
Losada acudiu esta mañá coa subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, ao Alto do Fiouco, onde asistiu á demostración dos dous primeiros prototipos que está verificando o Ministerio de Transportes e que consisten na instalación de sistemas tecnolóxicos de axuda á condución. “Estes proxectos pasarán as probas definitivas a partir da próxima primavera, cando empeza a época con máis incidencia de néboas, e unha vez pase o verán tomarase a decisión sobre a implantación en todo o tramo, dun só ou dos dous sistemas combinados”, apuntou.
O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (MITMA) comezou este proxecto a finais de 2019 a través de sete contratos de servizos de investigación e desenvolvemento da Compra Pública Precomercial (CPP) para o deseño, implementación e experimentación con prototipos de tecnoloxía innovadora relativa a sistemas de protección antinéboa na Autovía A-8, entre Mondoñedo e A Xesta. O importe deste contrato ascendeu a 5,6 millóns de euros. Os contratos dividíronse en dous lotes, o lote 1, para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas de axuda á condución en situacións de néboa, e o lote 2, para o desenvolvemento de solucións innovadoras baseadas en sistemas que actúan sobre a néboa mediante o seu illamento, eliminación ou desprazamento.
FASES ELIMINATORIAS PARA A SELECCIÓN DOS SISTEMAS
O proxecto estase desenvolvendo en competencia, por fases temporais de carácter eliminatorio, e de forma independente para cada lote. Na primeira, demostrouse a viabilidade das solucións propostas; na segunda, estanse a construír os prototipos e experimentar con eles nunha contorna real nas condicións de néboa características do tramo da A-8 entre Mondoñedo e A Xesta.
As dúas propostas correspondentes ao lote 1 de axuda á condución que superaron a fase 1 e que corresponden aos que hoxe se presentaron son un sistema de balizamento lateral da vía con luz láser (desenvolvido pola empresa Tecnivial); e outro de sinalización horizontal intelixente con tecnoloxía LED proxectada sobre a calzada (desenvolvido pola UTE Sener-API).
No caso das dúas propostas correspondentes ao lote 2 de sistemas que actúan sobre a néboa que superaron a fase 1 son un sistema de difusión automático por aspersores de materiais higroscópicos (desenvolvido pola Constructora San José); e outro que combina barreiras estáticas e barreiras dinámicas que empregan dispositivos fluído-mecánicos (desenvolvido pola empresa TYPSA).
UN MILLÓN DE EUROS PARA REDUCIR O LIMIAR MÍNIMO DE VISIBILIDADE
Na súa visita desta mañá, o delegado do Goberno recordou ademais que o Ministerio do Interior, a través da DGT, licitou un novo sistema de axuda á condución mediante novas balizas intelixentes ás que destina un investimento dun millón de euros. “Traballamos coa previsión de que este sistema xa estea en servizo o próximo verán“, apuntou, “co que conseguiremos xa unha mellora substancial da situación nos próximos meses”.
Losada recordou que, agora, cando se alcanzan os 40 metros de limiar mínimo de visibilidade, o Centro de Xestión de Tráfico desvía automáticamente a circulación cara á N-634 desde a saída da Xesta ata Mondoñedo. “O noso obxectivo é baixar este limiar aos 30 metros desde este próximo verán”, apuntou.