A morte de de dous usuarios nas últimas horas, unha muller e un home, elevou a once as vítimas mortais por mor do brote de Covid-19 na residencia de San Cibrao, en Cervo.
Segundo concretaron fontes de Mensajeros de la Paz, empresa que xestiona o servizo, de titularidade municipal, unha usuaria de 91 anos faleceu na tarde do pasado sábado. Aínda que nas últimas probas realizadas deu negativo, fora diagnosticada de coronavirus.
Esta madrugada morreu un residente de 93 anos, que levaba algo máis dunha semana ingresado no Hospital Público da Mariña, e que tamén resultou positivo por coronavirus.
No centro quedan sete maiores infectados e catro en illamento preventivo, segundo precisan as mesmas fontes, ademais dun residente que continúa hospitalizado. Tres traballadoras permanecen de baixa ao dar positivo en Covid-19.