Alcoa deu este venres por primeira vez a súa versión sobre o custo da folga indefinida que os traballadores están a realizar no complexo industrial de San Cibrao. Nun comunicado aos seus accionistas, no que explica que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tombou o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pretendía, a compañía cifra “o impacto negativo” do paro en Alúmina e Aluminio, iniciado a principios do pasado mes de outubro, en “dez millóns de dólares“.
A comunicación produciuse horas antes de que o comité de empresa ofrecese de novo levantar o paro en Alúmina e Aluminio se a compañía negocia unha venda e renuncia a presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo. Ata o de agora, consultadas en varias ocasións, fontes da multinacional non quixeran pronunciarse sobre as cifras expostas polos sindicatos, que calcularon en “150 millóns” as perdas que a compañía podería sufrir ata final de ano.
Tampouco o fixeron nos sucesivos xuízos polo conflito laboral, alegando unicamente que o paro suporía “agravar as perdas” coas que tentou argumentar a parada das cubas e o despedimento colectivo.
Na nota, Alcoa, condenada a desistir do ERE por “mala fe“, insiste en que negociou o despedimento colectivo “de boa fe” e “en pleno cumprimento da lei”, e cuantifica de novo os gastos do ERE “entre 35 e 40 millóns de dólares”. A multinacional afirma que tralo novo revés xudicial está a “considerar os seguintes pasos” para a planta de aluminio.
“ESTAMOS ABERTOS A UNHA SOLUCIÓN NEGOCIADA”, DIN AS ADMINISTRACIÓNS
Alcoa optou por non executar os despedimentos á espera da decisión dos tribunais, polo que retirado o ERE non terá ningún traballador que readmitir. Ante a resolución do TSXG, a ministria de Industria, Reyes Maroto, reiterou que o Goberno está “aberto a alcanzar unha solución negociada que manteña as capacidades industriais da Mariña”, apuntou na súa conta de Twitter.
Pola súa banda, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, expuxo que “estamos nunha nova fase dun conflito innecesario; só esperamos que a multinacional volva á negociación para manter os empregos e a produción”, o que pasa pola “venda”, aínda que referiuse novamente á posibilidade dunha “intervención” se a compañía non rectifica.