InicioEconomíaO comité ofrece retirar a folga se Alcoa renuncia a recorrer ao...

O comité ofrece retirar a folga se Alcoa renuncia a recorrer ao Supremo e negocia “unha solución definitiva”

Os traballadores aseguran que levantarán o paro se a empresa aborda coas Administracións unha venda a través da SEPI e cos sindicatos a reactivación das cubas e da rebrascaxe

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/EFE. O comité de empresa de Alcoa San Cibrao anunciou este venres, trala celebración dun pleno e despois da resolución de onte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) suscitado pola multinacional, que está disposto a “suspender a folga indefinida” se a compañía estadounidense negocia co Goberno central e a Xunta de Galicia, a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), “unha saída digna” que permita manter o 100% da produción e dos postos de traballo.

Segundo a oferta do organismo de representación dos traballadores, Alcoa “debe sentar paralelamente a negociar co comité de empresa e sindicatos unha solución para a reactivación das cubas paradas e a rebrascaxe -as tarefas de mantemento ás que a empresa renunciou, provocando Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) en Reymogasa e Cyrgasa-, a contratación de todo o persoal que perdeu o posto de traballo a causa da finalización dos seus contratos durante o proceso, ademais de desestimar a opción de presentar recurso ao Supremo”. Alcoa ten cinco días para a presentación dun recurso de casación.

A MULTINACIONAL TEN CINCO DÍAS PARA PRESENTAR RECURSO DE CASACIÓN ANTE O SUPREMO

A folga indefinida comezou a principios do mes de outubro e segundo a estimación do comité significa perdas millonarias para Alcoa, unha situación que a representación dos traballadores está disposta a variar “no seu afán dunha saída digna, pactada e negociada”, remarca.

“Así volvería saír o material considerado esencial que vimos producindo para España e Europa”, remarcou.

Sobre o fallo, os sindicatos consideran que “deixa en entredito as causas conxunturais que a empresa alegaba como estruturais“, e resaltan que “é unha gran vitoria, pero debemos ser conscientes de que non temos unha solución definitiva“. En todo caso, agradecen “á Mariña Lucense, autonómos e comerciantes, colectivos sociais, medios de comunicación, forzas da orde e a todos aqueles que nos apoian e continúan con nós na loita”.

O PERSOAL VIVIRÁ UN NADAL “MÁIS TRANQUILO”

Por outra banda, segundo informa EFE, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, afirmou que a sentenza do TSXG provocou unha “satisfacción tremenda” entre os traballadores e “moita alegría, porque polo menos este Nadal, toda A Mariña e toda a provincia de Lugo poderán respirar un pouco máis tranquilas“, dixo.

Recordou que o comité defendeu “desde o primeiro momento que Alcoa estaba actuando de mala fe e que este ERE respondía a unha decisión estratéxica da compañía, que nada tiña que ver con temas estruturais“, como “o prezo da luz ou do aluminio“.

Segundo o seu criterio, “demostrouse nos meses posteriores, ao ver que o prezo do aluminio subía. Simplemente, aproveitaron que estabamos cunha pandemia para usar os malos datos dese momento e intentar pecharnos. A mala fe quedou máis que demostrada”, insistiu.

De feito, no propio fallo, dixo Zan, “queda claro que os argumentos económicos da empresa eran coxunturais, pero para nada estruturais”.

“Non sabemos se a Alcoa só lle queda sentarse a negociar ou ao Goberno intervila si non se senta. As dúas opcións son as que vimos barallando desde fai tempo. Cremos que a mellor opción para a multinacional sería o diálogo, pero vemos que os seus directivos están empeñados en facer todo o contrario“, lamentou. “Espero que estes días entren en razón e recapaciten”, concluíu.

O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN: “ALCOA ESTÁ A FACER AS COUSAS O PEOR POSIBLE”

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, asegurou que o fallo do TSXG é “unha sentenza valente” que “puxo as cousas no seu sitio” e que demostra, ao seu xuízo, que “Alcoa está a facer as cousas o peor posible”. Así, instou á multinacional a “non facer máis manobras de despiste” e manter a producción ou negociar a venda. O dirixente do goberno provincial considerou que “o camiño xudicial está pechado” posto que “estamos convencidos”, valorou, de que o Tribunal Supremo “ratificará” a resolución. De non rectificar a compañía, “haberá que buscar un mecanismo legal de intervención”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...