O Concello de Viveiro informou de que decidiu intensificar as labores de desinfección en zonas comúns, traballos que se realizan desde o inicio da pandemia, ante a situación epidemiolóxica do municipio, que conta 267 casos positivos de Covid-19 e que a partir da medianoite do xoves manterá pechada a hostalería e suspendida toda a actividade non esencial, tal e como decidiu a Xunta de Galicia.
A hostalería viveirense só poderá ter servizo de recollida e de reparto a domicilio. Tamén pecharán os ximnasios, establecementos de xogo, bibliotecas e as actividades culturais. Así o anunciou a Xunta a falta de publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG); o goberno local está á espera da oficialidade destas medidas “para coñecer as circunstancias exactas das novas normas”.
Dado o contexto actual, o goberno local, que o pasado luns pechou a escola infantil, reforzará a limpeza en distintas zonas, como rúas, beirarrúas, prazas ou paseos. Pero tamén en puntos como os accesos aos centros educativos, centros de saúde, farmacias, banca, comercios e demais establecementos con afluencia de xente.
Con este incremento dos traballos de desinfección, o goberno local pretende contribuír a frear a transmisión do virus. Ademais, o Concello de Viveiro “continuará realizando as labores de vixilancia e os controis necesarios para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias”.
O goberno local considera a situación epidemiolóxica en Viveiro “complicada“, polo que pide á veciñanza “que extreme a precaución e o cumprimento das medidas, co fin de frear a cadea de contaxios”.
CERVO E O VICEDO TAMÉN PECHARÁN DESDE A MEDIANOITE DO XOVES
Por outra banda, e tamén á espera da publicación da normativa, en Burela, Cervo e O Vicedo aplicaranse novas restricións, dun nivel máis baixo que en Viveiro pero igual ao de Xove e superior ao resto dos municipios da Mariña. Os bares só poderán atender en terraza e os concellos quedarán confinados perimetralmente.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, lembrou que “volvemos estar perimetrados, é o cuarto peche e a ver canto tempo imos estar así”.
O Concello pretende axudar “a contrarrestar inmediatamente a cadea de contaxios; xa houbo algún problema no Hospital da Mariña derivado da densidade das infeccións”, lamentou. Burela conta 47 contaxios nos últimos 14 días.
“Temos que facelo entre todos entendendo que este é un problema, social, colectivo, que nos afecta a todos dalgunha maneira; debemos estar interesados en cooperar e acabar canto antes con este novo abrocho”, xulgou.
“É esencial equilibrar a actividade sanitaria coa socioeconómica. Será así se todos somos conscientes da problemática que nos afecta de forma colectiva”, argumentou.
PROBLEMAS DE TRÁFICO POLAS COLAS PARA FACER PCR
Llano tamén explicou que houbo unha reunión do goberno municipal coa dirección do centro hospitalario mariñao e coa Policía Local e Garda Civil, ademais de Protección Civil, a fin de afrontar “a grande afluencia de coches para realizar as probas PCR; hai moitísimas tanto pola mañá como pola tarde“, expuxo, polo que hai que velar “para asegurar a fluídez das análises e a seguridade das persoas”.
O rexedor concretou finalmente que “xa temos activo o sistema de voluntariado, por se hai que levar medicinas ou recoller o lixo a determinadas vivendas” de confinados.