O alcalde de Burela, Alfredo Llano, considera “unha mala noticia” a “supresión” dun médico de atención primaria no centro de saúde en horario de tarde. Como avanzou o Xornal da Mariña, estase a prestar ese servizo en quenda vespertina dous días á semana. O rexedor esixe ao Sergas o seu restablecemento o antes posible.
O rexedor burelao manifestou que “preocúpanos a perda dun médico de atención primaria de Burela que viña exercendo polas tardes. Desde as dúas da tarde ata as nove da noite había unha persoa atendendo, durante toda a semana, á xente que escollía ese horario. Agora non existe xa, de momento non se está exercendo ese servizo. Pénsase facer unhas peonadas durante dous días, os martes e os xoves, de tres horas, o cal limita moitísimo a oportunidade da xente de consulta. Iso non pode ser”, indicou.
Llano manifesta que “hai que ter en conta que agora mesmo, en plena pandemia e con esta ola que estamos padecendo, e xa desde sempre a atención primaria debe ter o suficiente persoal como para atender con todas as garantías á xente. Ademais había que ir pensando en recuperar a atención presencial dos pacientes e ir procurando que se vaia normalizando, pero hai que facelo coas condicións que se esixen, que é ter persoal suficiente para que faga as quendas suficientes tamén”, indica.
O alcalde considera que “é unha mala noticia que se suprima ese servizo e hai que recomendar ás autoridades sanitarias, e así o faremos, que recuperen inmediatamente e que se volva normalizar esta situación o antes posible”.