Miles de persoas manifestáronse na tarde deste xoves en Avilés contra o peche das fábricas avilesina e coruñesa de Alcoa, que a multinacional do aluminio anunciou o pasado 17 de outubro.
Obreiros da Coruña e da planta mariñá de San Cibrao desprazáronse a Asturias para participar nunha protesta que comezou na Praza do Vaticano e percorreu tres quilómetros de Avilés, ata a Praza de España.
A solidaridade da cidade avilesina quedou patente no peche dos comercios e na disposición de autobuses urbanos gratuítos para respaldar a manifestación.
Os traballadores de San Cibrao integraron unha marea amarela que entoou cánticos como ‘Alcoa non se pecha‘ ou ‘A Coruña e Avilés, a mesma empresa é‘.
ENERXÍA
Segundo recolle Galicia Confidencial, o Goberno central lanzará antes de final de ano un paquete de medidas “transversal” para axudar á industria electrointensiva a superar as dificultades do custo da enerxía.
A ministra de Industria, Reyes Maroto, anunciou que traballará con outros ministerios e que desbloqueará a partida de 150 millóns de euros que foi incluída nos Orzamentos Xerais do Estado para 2018.
O custo da enerxía foi sinalado polos obreiros de Alcoa como o motivo detrás dos ERE de extinción presentados pola multinacional.