O pleno de Viveiro acordou por unanimidade reclamar a Abanca que manteña a oficina bancaria de Celeiro, a única sucursal que queda nunha vila duns 1.500 habitantes, opoñéndose así ao peche comunicado pola entidade. Todas as forzas políticas –PSdeG, PP, Por Viveiro, BNG e o concelleiro non adscrito– votaron a favor da moción da alcaldía, despois de que a veciñanza pedise o apoio da corporación.
A alcaldesa, María Loureiro, concretou na exposición de motivos que a veciñanza recolleu 934 sinaturas contra o peche, “un número representativo” dada a poboación da vila, que chegou a contar con cinco oficinas bancarias. A rexedora explicou que segundo os plans de Abanca “quedaría en Celeiro un caixeiro”, pero o resto dos servizos “terían que realizarse ben virtualmente, ben en Viveiro ou en Covas“. A sucursal trátase “dun servizo esencial“, cuxa supresión “supoñería un gran prexuízo para o noso concello”.
O voceiro do PP, Óscar Rodríguez, pediu un informe sobre a achega económica de Celeiro a Abanca. Bernardo Fraga, do grupo independente Por Viveiro, propuxo que alomenos se propoña á empresa, como mal menor e para evitar “un peche total”, abrir a oficina dous ou tres días á semana, como acontece noutros lugares, como O Vicedo. A edil do BNG, Míriam Bermúdez, contextualizou o peche como consecuencia “das decisións políticas de venda das caixas de aforros ao sector privado”, que tiveron como resultado “que Galicia conte cun 40% menos de sucursais”. Pola súa banda, o concelleiro non adscrito, Luis Manuel García Otero, lembrou a situación dos tres traballadores, que en principio pasarían a outras sucursais.
O vindeiro xoves, veciños, Concello e empresa reuniranse no consistorio, nunha xuntanza á que poderían sumarse os voceiros de todas as forzas políticas, a petición de Por Viveiro.
A-74
Tamén houbo consenso respecto dunha moción de Por Viveiro para “instar ao Goberno do Estado a activación da construción da A-74, a Autovía da Mariña“. O voceiro nesta cuestión do grupo independiente foi Manuel Galdo, que lembrou que pasaron 20 anos do “agravio” de que o Goberno central decidise que a coñecida como Transcantábrica “deixase a rasa costeira e marchase de Barreiros a Vilalba”. A compensación, unha vía que conectase Barreiros e San Cibrao, segue lonxe de materializarse.
“É fundamental, nun contexto de incerteza pola Covid-19 e pola situación de Alcoa, dispoñer de infraestruturas para reactivar o sector servizos, reforzar outros como pesqueiro ou o forestal, e asentar pequenas empresas. Nos orzamentos de 2021 A Mariña volveu ser esquecida e para A A-74 só se destinaron 400.000 euros“, lembrou Galdo.
O acordo plenario pasa por instar ao Estado á “licitación no ano 2021 das obras do tramo Barreiros-Foz, e tamén polo remate no ano 2021 dos proxectos pendentes, treito Foz-Burela e treito Burela-San Cibrao, e poder licitalos no primeiro trimestre do ano 2022“. Ademais, reclámase da Mancomunidade de Municipios da Mariña que a propia entidade supramunicipal se una á reivindicación.
PÁXINA WEB DO CONCELLO
O BNG presentou unha moción para modificar a web municipal de forma que se “transforme nun instrumento útil para a interrelación entre a veciñanza e o Concello”. Bermúdez expuxo que a actual páxina ten apartados “de difícil acceso, como o portal de transparencia, menús desestruturados, non está ben pensada para móbiles e ten información non actualizada“.
PP e Por Viveiro apoiaron a proposta, ante a negativa do PSdeG e a abstención do concelleiro non adscrito. Decidiu o voto de calidade da alcaldía, polo que a proposta dos nacionalistas non saíu adiante.
CONTRATO DE SUBMINISTRO DE ELECTRICIDADE
Houbo unanimidade na adxudicación do contrato de subministro de enerxía eléctrica de alta e baixa tensión a Gas Natural, por un orzamento máximo de arredor de 752.000 euros. O executivo municipal sostivo que se adheriu “pola complexidade deste tipo de procesos á central de contratación da FEMP, realizando a licitación do contrato dentro dun acordo marco establecido pola mesma”. Trátase dun contrato por un ano con posibilidade de prórroga por cinco anos máis.
Por Viveiro solicitou unha estimación aproximada de canto se podería aforrar ao acollerse o goberno municipal a esta fórmula, cifrando o concelleiro de Facenda, Suso Fernández, o aforro “con comiñas e de xeito aproximado, en 127.000 euros” para o que queda do exercicio, oito meses, trala realización dun estudo estimativo.
CONVENIO PRÁCTICAS COAS UNIVERSIDADES
Tamén se aprobou por unanimidade un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago (USC) e coa Universidad de Valencia para prácticas de alumnado.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 8-M
Alcaldía, PP, Por Viveiro e o grupo non adscrito presentaron unha proposta de declaración institucional polo 8-M, que foi a pleno como moción pola oposición do BNG. O documento incluía un “compromiso” de “traballar pola igualdade real, obxectivo fundamental para acadar unha sociedade mellor”.
A concelleira nacionalista votou a favor, matizando que a iniciativa “foi presentada un día antes de convocar o pleno”, e lamentando que “de existir unha vontade real de consenso púidosenos convocar antes para facer modificacións”, cualificando o texto de “mera declaración de intencións, sen propostas nin compromisos concretos”.
PP e BNG presentaran cadansúas propostas con respecto ao Día Internacional da Muller, no caso da formación nacionalista para apoiar as reivindicacións do feminismo galego no 8-M.
MERCADO DO XOVES
O concelleiro non adscrito levou unha moción sobre a ubicación do mercado do xoves, instalado nos Xardíns Noriega Varela a raíz da pandemia. Segundo concretou Otero, tanto vendedores como clientes consultados “expuxeron que son máis as vantaxes” para manter esta localización de xeito definitivo.
O goberno local concretou que é necesario consultar a Costas se é posible, comprometéndose a debater a situación, o que solicitaron Por Viveiro e BNG. O PP alertou de posibles danos do firme nos xardíns e do déficit de aparcamentos nun día de mercado, o que prexudicaría “a outros comerciantes”. Finalmente, acordouse coa abstención dos conservadores crear unha mesa para abordar esta cuestión e potenciar o mercado.
DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO
Tamén houbo luz verde para unha moción do PSdeG para institucionalizar o Día de Rosalía de Castro no municipio, unha iniciativa que o voceiro de Por Viveiro lembrou que -cun contido similar- xa fora aprobada no 2012 a proposta, daquela, do BNG.