A Xunta de Galicia negou este mércores que “obrigara a retirar ningún cartel” do Instituto de Educación Secundaria (IES) Illa de Sarón de Xove, trala denuncia da CIG, que denunciara “censura” con respecto a uns pósters explicativos sobre a folga do 8-M, Día Internacional da Muller.
Fontes da Consellería de Educación aseguran que xefa territorial da provincia de Lugo “púxose en contacto coa dirección do centro para recordarlle o establecido no Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021, que no punto 21.3 especifica claramente que na medida do posible evitarase, para facilitar a limpeza, a colocación de anuncios, collages, murais ou outro material nas paredes dos corredores e das aulas”.
Deste xeito, a xefa territorial lembrou á directiva “que calquera tipo de cartelería debería colocarse nos taboleiros de anuncios correspondentes dos que dispoñen os centros, pero nunca ditou ningunha prohibición ao respecto”.
A Xunta alega que actuou “ante as denuncias de varias familias de que se estaban colgando carteis nas aulas”, aínda que, preguntada ao respecto, a Administración autonómica elude especificar se os motivos das queixas tiñan que ver co protocolo Covid-19 ou co contido dos carteis. A Administración autonómica tampouco se pronuncia ao respecto dos pósters.
A CIG denunciou tamén a presenza dun axente da Garda Civil que realizou fotografías aos carteis, un episodio que considerou “especialmente grave“, e polo que o sindicato nacionalista anunciou que pediría explicacións á Subdelegación do Goberno.
A SUBDELEGACIÓN DI QUE NON DEU ORDE PARA QUE UN GARDA CIVIL SE PRESENTASE NO INSTITUTO
Consultadas sobre esta cuestión, fontes da Subdelegación afirman non ter recibido queixa por parte da central nacionalista nin de ningún outro colectivo ou sindicato, polo que non se pediu explicacións nin se iniciou unha investigación ao respecto. Tamén concretan que desde a sé do Executivo central non se deu ningunha instrución para que o axente actuase, afirmando descoñecer se existiu efectivamente unha orde por parte doutros cargos dentro do mando orgánico e da xerarquía do Instituto Armado para que se presentase no instituto.