A alcaldesa do Concello de Viveiro, María Loureiro, e o presidente da Xunta de Confrarías da Semana Santa, José Veiga, anunciaron que este ano non haberá procesións nin se celebrará de forma tradicional a festividade relixiosa.
A decisión foi tomada de forma consensuada entre o Concello e a Xunta de Confrarías, segundo expón o goberno local nun comunicado, “debido á situación epidemiolóxica e tendo en conta as restricións existentes, co obxectivo de evitar as aglomeracións no actual contexto da pandemia do coronavirus“.
Para manter viva a tradición, a Xunta de Confrarías preparou un programa alternativo de actividades que comezará o venres 19, coa presentación do cartel da Semana Santa de Viveiro 2021.
Do 20 de marzo ao 4 de abril, Viveiro celebrará a Semana Santa virtual ‘Vívela’, con concertos, conferencias e a proxección de procesións e reportaxes en Youtube e nas redes sociais. O venres 26 chegará a quenda da presentación do Libro Programa Pregón, que se edita desde 1947.
Ademáis, en colaboración co Centro Comercial do Casco Histórico, ambientaranse os locais con motivos de Semana Santa e a praza Maior acollerá unha exposición de fotografías de Toño Goas.
Ampliase por outra parte a mostra permanente do Claustro de San Francisco cunha colección de fotografías da Semana Santa desde principios do século XX, haberá un programa de cultos nos templos da unidade pastoral (cumprindo as limitacións de aforamento) e unha conferencia preparatoria para a Semana Santa a cargo do administrador diocesano Antonio José Valín Valdes.
UN PAU PARA A HOSTALERÍA E O TURISMO, DADO QUE EN ANOS ANTERIORES RECIBIUSE A 40.000 VISITANTES
“É unha mágoa e somos conscientes ademais das consecuencias para a hostalaría e o turismo, pero a epidemia impide unha celebración normal; o que queremos é manter viva a esencia desta celebración de Interese Turístico Internacional, co desexo de que a Semana Santa de 2022 podamos xa vivila con normalidade”, asegura a alcaldesa de Viveiro, que agradece “a colaboración da xunta que representa ás sete cofradías e irmandades e unha fraternidade, que albergan a 3.500 cofrades”.
En edicións anteriores á pandemia, Viveiro chegou a recibir 40.000 visitantes durante a Semana Santa, unha referencia a nivel galego e estatal.