O Concello de Viveiro creará unha oficina de atención ao cidadán para facilitar as xestións e a tramitación das axudas estatais aos afectados pola riada que na noite do pasado domingo asulagou varios puntos do municipio e deixou unha vítima mortal no barrio de Xunqueira.
Integrantes do goberno local, da Policía Local, de Protección Civil, de Bombeiros de Viveiro e de voceiros dos grupos políticos realizaron unha primeira valoración dos danos.
Na xuntanza acordaron a creación dunha oficina de atención aos cidadáns permitirá que os afectados non se teñan que desprazar á subdelegación de Goberno, ubicada en Lugo.
A normativa contempla subvencións para atender necesidades derivadas de situacións de emerxencia ou natureza catastrófica.
UN MES DE PRAZO
Os afectados poden solicitalas nun prazo dun mes desde este luns. Estas axudas son independentes das que cada particular poida tramitar co seu seguro.
Así, habilitarase unha unidade de atención aos afectados na segunda planta do consistorio que permanecerá aberta, en horario de oficina, durante o prazo de un mes. Este luns, o servizo ficará operativo ata as 20.00 horas.
SOLICITAN FOTOGRAFÍAS
Na oficina, os interesados terán acceso aos formularios que deben cubrir e informacións sobre a documentación a presentar.
O Concello solicita aos afectados que comuniquen os danos producidos á maior brevidade posible para poder tramitar o expediente oportuno e que xunto coa solicitude se presenten, de ser posible, fotografías dos danos causados.