O pasado 15 de abril estalou unha polémica insospeitada: o Instituto Xeográfico Nacional comezaba a tramitar a solicitude do Principado de Asturias solicitando o cambio de nome da Ría de Ribadeo a Ría del Eo. A cuestión fixo estalar un debate que, no máis dos casos, quedou en nada. Pero, por eses mesmos días, unha persoa comezaba a ardua investigación que o levaría a comprobar cal das dúas formas contaba con máis traxectoria histórica.
O autor de este extenso estudo é Evaristo Lombardero, quen entre o 20 de abril e o 30 de maio deste 2021 comprobou algo máis de 11.000 mapas para dilucidar o percorrido histórico de cada unha das formas. A conclusión semella clara: xa no século XVI, o autor, que contou con múltiples colaboradores, atopou dous documentos literarios que fan referencia ao accidente xeográfico fronteirizo como Ría de Rivadeo.
A dinámica repítese nos anos seguintes. “Do século XVII recóllense numerosas citas da mesma fórmula nas obras do cartógrafo Pedro de Teixeira e 110 actas notariais de operacións comerciais na Ría de Ribadeo. Ademais exponse unha carta de un particular ao rei de España coa mesma denominación”, incide o extenso estudo, que será publicado este venres 10 no blog Ribadeando.
Os artífices da peza subliña que se trata dunha investigación movida por un talante “exclusivamente informativo”, facendo declaración expresa de eludir “calquera tipo de polémicas”. Aínda así, as conclusións semellan claras: no traballo tan só se amenta un mapa coa denominación proposta polo Principado, e é de 1999. No resto de casos, centos de mapas que dan conta do longo pasado do termo Ribadeo: cartas, mapas de distintos países e multiplicidade de documentos desenvoltos tamén por autores españois.
A investigación achega, asemade, dous documentos literarios do século XXI asinados por coñecidos investigadores universitarios de moi alta cualificación onde ratifican a denominación Ría de Ribadeo. Nas últimas horas, a polémica pola toponimia da fronteira vén de ser reavidada despois de que o concello asturián de Castropol decidira empregar a fórmula “Ría del Eo” para promocionar unha baixada a nado polo río, como informou o Xornal da Mariña.