InicioEconomíaO Goberno di que Alcoa gozará "a final de ano" de "condicións...

O Goberno di que Alcoa gozará “a final de ano” de “condicións particulares” na electricidade

O comité de empresa da Coruña permitirá constituír este martes a mesa de negociación do ERE

Publicada o

- Advertisement -

O Goberno central aprobará “antes de final de ano” un “paquete de medidas” para que a industria electrointensiva poda “mellorar a súa competitividade”.

A Ministra de Industria, Reyes Maroto, afirmou que a multinacional do aluminio Alcoa, que anunciou o pasado 17 de outubro o peche das fábricas da Coruña e Avilés, “poderá beneficiarse dunhas condicións particulares na subministración de electricidade“.

Estas medidas terán un carácter provisional, dado que os cambios na lei do sector eléctrico “tardarán algo máis”

Traballadores da Coruña e Avilés, ademais dos da planta cervense de San Cibrao, reivindicaron en numerosas ocasións que “o problema” da industria electrointensiva é a ausencia dun prezo competitivo da luz e dunha tarifa duradeira, “como ocorre noutros países de Europa“.

O GOBERNO “BUSCARÍA INVERSORES”

Maroto asegurou que se non se chega a un acordo con Alcoa para as fábricas de Avilés e A Coruña, “buscaríase un inversor”.

A dirixente do Goberno central puxo como exemplo a planta de Vestas en Villadangos del Páramo, León, onde se chegou a un acordo coa compañía española Network Steel, que foi “unha solución e unha boa solución”, segundo a ministra.

A responsable de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, confirmou a existencia de “interese por parte de varias empresas”.

MESA DE NEGOCIACIÓN DO ERE

Alcoa e os sindicatos formalizarán a mesa de negociación do ERE este martes, segundo admitiu o presidente do comité de empresa da planta da Coruña, Juan Carlos López Corbacho.

Despois de impugnar o ERE e solicitar unha mediación que Alcoa rexeitou, os membros do comité de empresa da Coruña asistirán á reunión, prevista para as 15.00 horas.

López Corbacho admitiu que o comité esgotou a vía fora dunha constitución da mesa negociadora e sentará a falar coa empresa e cos representantes dos traballadores da fábrica avilesina, que chamaran á negociación.

O presidente do comité de empresa sinalou que a prioridade é “defender a planta e tentar salvar o 100% do emprego“.

A intención dos empregados é ampliar o período de consultas do ERE, que en principio rematará o día 30.

DEMANDA

Á espera de acordos, sobre a mesa hai unha demanda interposta contra Alcoa polo comité europeo ante a xustiza holandesa. A vista celebrouse o pasado día 19 e está pendente da resolución xudicial. 

Os traballadores entenden que “non se cumpriu o período de consultas preceptivo, pois Alcoa plantexounos un escenario pechado”, explicou o presidente do comité europeo, José Luis Combarro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...