O alcalde da Pontenova, Darío Campos, denuncia que o centro de saúde pontenovés estivo este mércores máis dunha hora sen atención médica.
A situación produciuse ao ter un dos facultativos unha consulta no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), e ao estar o outro galeno titular ausente do seu traballo.
Campos lamenta que o substituto que enviou o Servizo Galego de Saúde (Sergas) para o médico que tiña cita no HULA “chegou pasadas as nove da mañá“.
“Por sorte non tivemos ningunha urxencia, se non os veciños teríanse que desprazar nos seus coches particulares ou a través da ambulancia do 061 ata o Punto de Atención Contínua (PAC) de Meira para ser atendidos por un profesional”, expón Campos.
O rexedor pontenovés acusa á Xunta de Galicia de “xogar coa saúde dos pontenoveses” e lembra que “non somos números, senón persoas”.
Campos insiste en que o centro de saúde da Pontenova contaba con tres médicos para unha poboación de 2.300 habitantes ata a pasada primavera, cando un facultativo se xubilou sen que o Sergas cubrise a praza.
Este non é o único retraso que se produce na cobertura de servizos sanitarios desde entón. O Sergas tardou seis días en cubrir unha baixa médica na primeira quincena de novembro.
O SERGAS: “NINGUÉN QUEDOU SEN ATENDER”
Pola súa banda, fontes do Sergas subliñan que se tratou “dunha substitución dun profesional cuberta e completa, cunha mínima hora de retraso”, e aseguraron que “estamos a facer todo o posible por atopar substitutos, de onde non os hai, para atender as necesidades dos pacientes”.
O Sergas sinala que o substituto “atendeu aos doentes previstos para ese día. Ningunha consulta nin urxencia nese centro quedou sen atender“.
As mesmas fontes indican que, “se nalgún momento se produce a ausencia dun facultativo e se produce unha urxencia, o Sergas mobiliza os seus recursos asistenciais máis cercanos dispoñibles para atendela o antes posible”.