O PP de Lugo asegurou que a Deputación quere adiar a apertura das residencias de Trabada e Ribadeo “cando menos ata xuño de 2019” e “privatizar os centros”, dúas acusacións que o goberno provincial desminte.
Os populares emitiron un comunicado no que aluden á licitación dun contrato de prestacións a persoas maiores nos centros, que abre o prazo da presentación das ofertas o día 7 de xaneiro, mentres que se prevé a apertura das mesmas para o 11 de febreiro.
Segundo lembra o partido conservador, o valor estimado do contrato ascende a 4.711.716 euros e o seu prazo de execución estenderase durante dous anos, do 20 de xuño de 2019 ao 20 de xuño de 2022.
Así, o PP lucense interpreta que “as datas recollidas no anuncio de licitación deixan claro que as residencias de maiores da Deputación de Lugo non abrirán as súas portas nin tan sequera no primeiro semestre do 2019”.
“PRIVATIZACIÓN” DO SERVIZO
O PP sostén ademais que a licitación deste contrato demostra que “o goberno que dirixe o socialista Darío Campos vai privatizar o servizo”, pois “a contratación inclúe servizos xeriátricos, de asistencia social e conexos, así como de centros de día”, asegura.
Fontes do goberno provincial afirman que o prazo estipulado para a apertura das ofertas das empresas é “estimativo. A lei ampáranos para abrir os sobres das firmas interesadas o día 15 de xaneiro e esa é a nosa intención”, sinalan.
Así pois, desde a Deputación confían en poder ter completado o proceso de selección de persoal no mes de febreiro, e abrir as residencias de Trabada e Ribadeo “no primeiro semestre de 2019″, o que suporía un leve retraso sobre as previsións iniciais. “Os centros teñen os regulamentos, os prezos e os convenios aprobados”, lembran.
De feito, a residencia ribadense -non así a trabadense- agarda polo Permiso de Inicio de Actividade (PIA), solicitado á Xunta de Galicia.
CONTRATACIÓN DE PERSOAL
O Goberno provincial nega unha suposta privatización dos servizos e explica que “a xestión pertencerá aos Concellos. En ningún caso se adxudica a administración dos xeriátricos, senón tarefas materiais e técnicas, como estipulan os convenios asinados”, sosteñen.
Fontes da Deputación aseguran que se licitou a contratación de prestacións para as que as administracións non teñen funcionariado ou marxe para contratalo pola taxa de reposición, como son “a limpeza, a lavandeiría, a cociña ou o persoal auxiliar de enfermería. Os ATS, fisioterapeutas e profesionais de maior rango serán traballadores públicos”, indican.