Despois de oito anos de goberno do Partido Popular (PP), o PSdeG-PSOE aspira a recuperar a alcaldía de Foz cunha candidatura encabezada por Fran Cajoto, enxeñeiro de camiños de 35 anos e debutante en política municipal.
P. Cales son as sensacións tras os primeiros días de campaña?
R. A verdade é que notamos ilusión e gañas de cambio en moitos veciños que se achegan a nós, que nos dan ánimo, que nos empurran. A xente non entende moi ben moitas decisións do alcalde, esa falta de cercanía. Percibimos esa ilusión por promover un cambio.
CAMPAÑA
Como planificaron a campaña?
En Foz somos oito parroquias, á parte do núcleo, así que, ademais de empregar as redes sociais para explicar o programa electoral, imos percorrendo as aldeas porta a porta, achegando o discurso aos veciños para que teñan a oportunidade de decidir entre as distintas opcións.
Non foi doado. Tivemos que presentar unha reclamación diante do concello e expoñela aos medios para que o alcalde puxera os locais das parroquias a disposición dos partidos. A Xunta Electoral mandou o comunicado a todas as formacións e, ao final, como pasou en todas os comicios desde que hai democracia, habilitáronse eses espazos públicos. Non se entende moi ben que tiveramos que chegar a desenvolver esas accións pero houbo que facelo.
“Notamos ilusión e gañas de cambio nos veciños aos que nos estamos achegando porta a porta nestes primeiros días de campaña”
Cal é a axenda para os próximos días?
Mañá estaremos en Vilaronte (8.30 horas); sábado, en Cangas (8.30 horas); e o domingo en San Acisclo (12.00 horas) e en Cordido (8.30 horas).
Cal será o acto central da campaña?
O acto de peche será en Foz o venres 24, o último día da campaña. Queremos que sexa unha festa para achegarnos aos veciños do núcleo e tamén de agradecemento a todos os compañeiros despois duns días que serán de moito traballo.
MOTIVACIÓNS
Estréase como candidato á alcaldía. Que o impulsou a entrar na política municipal?
Afilieme ao PSdeG no 2015. Sempre fun de esquerdas e compartín plenamente o ideario do partido, pero o que me deu o impulso definitivo para entrar en política foron as subidas do Imposto de Bens Inmobles (IBI), que non deixa de ser un imposto indirecto, no peor da crise, cando as familias o estaban pasando peor.
Considerei que había que facer algo desde dentro e non só mirar e queixarse desde fóra. Os meus compañeiros apostaron por min e aquí estou, cunha gran gran candidatura que me acompaña, xente preparada, grandes profesionais nas súas disciplinas e vinculados as distintas parroquias.
DEBUTANTES
Algúns dos candidatos da lista tamén son debutantes. É unha debilidade ou unha fortaleza?
Eu son de ver a parte positiva. A experiencia municipal témola máis que garantida cos compañeiros que estiveron noutros momentos gobernando e cos que fixeron oposición nestas dúas últimas lexislaturas. Estamos máis que arroupados e e máis que preparados para gobernar. O que presentamos é un proxecto moi meditado, cohesionado, que ten detrás moito tempo e moito traballo. Os mesmos valores que aplicaremos na política municipal. As cousas ben feitas e planificadas son as que saen, no partido e nas institucións.
“SE mantemos o nivel de mobilización de voto que se deu nas xerais, podemos gobernar foz”
Cre que os bos resultados do PSOE nas eleccións xerais poden impulsar as candidaturas nos municipios?
Non é nada definitivo porque as eleccions municipais son distintas das xerais, vótase moito a persoa, pero é evidente que axuda. Cremos que, se mantemos ese nivel de mobilización de voto que se deu nas eleccions xerais, podemos obter uns grandes resultados e gobernar Foz para cambiar as políticas dos últimos anos.
DIAGNOSE DO CONCELLO
Cal é o seu diagnóstico sobre a situación de Foz?
Houbo dúas lexislaturas de improvisacións, de decisións mal tomadas. Fixéronse uns cambios nas rúas principais do pobo pero non se controlaron as obras, non se velou pola calidade das mesmas nin polo cumprimento firmado. Primouse o interese da empresa privada, os amiguismos.
Os presupostos nunca se axustan ás partidas reais. Nestes últimos anos, hai un desfase entre as partidas consignadas e as facturas reais de entre 600.000 e 700.000 euros. Desde o 2014, a recadación polo IBI incrementouse nun millón de euros e, sen embargo, os investimentos son mínimos. Iso fala dunha mala xestión continuada e dunha falta total de control. Iso é o que queremos cambiar.
“A recadación polo IBI incrementouse nun millón de euros e os investimentos son mínimos. Iso fala dunha mala xestión continuada”
Somos serios, somos profesionais, somos xente preparada e o que queremos é que se aproveiten os recursos propios. Estamos vendo que hai maquinaria propia do concello, como os camións de basura, parada e avariada e, en lugar de arranxala, óptase por contratar.
O que queremos é xestionar ben, para que o que está presupostado se faga e haxa diñeiro de verdade para invertir e para unha política social que necesita moito Foz.
PROGRAMA
Cales son os eixos do proxecto do PSdeG para o Concello?
Presentamos un programa con varios bloques ou liñas de traballo, que expresan o noso compromiso co goberno. O noso esforzo fundamental orientarase a lograr un Foz social e igualitario. Queremos que as persoas teñan todas as mesmas oportunidades e ninguén se sinta excluído.
Para iso, propoñemos que se habilite unha vivenda de emerxencia social, un punto de encontro para a protección de menores ante unha separación conflitiva, liñas de axuda para as vítimas da violencia machista, ampliar o servizo de axuda no fogar e implantar o servizo de xantar na casa ou instar á Xunta a que aumente o número de prazas da escola infantil porque hai persoas que se quedan sen praza.
Queremos un Foz verde, no que apostamos por fomentar o uso da bicicleta e por establecer puntos de recollida selectiva de lixo ou pola substitucion das luminarias por outras de tecnoloxía LED, que reduzan o consumo enerxético.
“Fixemos o programa electoral coa colaboración das asociacións veciñais e pensando nas parroquias”
Tamen apostamos pola educación, a cultura e o deporte coa recuperación da escola obradoiro, que axudaba á xente a atopar un oficio e ao que o concello no se está acollendo. Tamén crearemos un servizo de madrugadores para que as familias poidan conciliar vida familiar e laboral e aumentaremos as axudas ao desprazamento para rapaces que estudan fóra de Foz e non teñen transporte público que poidan usar. Ademais, queremos poñer en marcha unha escola de artes plásticas.
Son varias medidas realizables, que se poden implantar de forma áxil e rápida simplemente cunha boa xestión dos presupostos. Fixemos o programa electoral coa colaboración das asociacións veciñais, para que todos nos sintamos cómodos, e pensando moito nas parroquias.
Queremos que, como nos demandan, os camiños estean en bo estado polo que tamén levamos no programa un plan de mellora e conservación das pistas forestais e a creación de depósitos de madeira en cada parroquia.
PROXECTOS A MEDIO PRAZO
Tamén propoñen proxectos a medio prazo.
Si, impulsaremos a construción dun terceiro acceso a Foz porque as entradas están obsoletas e a construción dun edificio multiusos para a ubicación do auditorio. Son proxectos importantes que supoñen un compromiso co futuro.
Son iniciativas que precisan tamén da colaboración doutras administracións, teñen algún compromiso nese sentido?
No caso do terceiro acceso a Foz, trátase dunha entrada que parte dunha estrada do Ministerio de Fomento, co que temos grandes relacións. Ensinámoslles o proxecto e parécelles máis que viable. Necesitamos a colaboración doutras adminstracións. Iso significa que temos que traballar a reo, ser moi pesados, estar insistindo nas portas doutras institucións para conseguir eses recursos públicos. O mesmo co auditorio.
AUDITORIO E DEPURADORA
Que emprazamento propoñen para esa dotación?
Un auditorio ten que ter unha ampla zona de aparcamento. Ten que ser un edificio de referencia para o Concello, por iso cremos que o emprazamento máis axeitado é a fachada marítima de Foz, na zona do porto, a continuación das piscinas municipais, sempre en corcordancia co PXOM e sen facer un dispendio. Queremos un edificio adaptable que poida servir para varios usos e que teña dependencias para unha escola de música e para recuperar o cine en Foz.
“Cremos que o emprazamento axeitado para o auditorio é a fachada marítima. Queremos un edificio adaptable, sen dispendios”
Outro dos debates da lexislatura xirou en torno á nova depuradora. Que propón o PSdeG?
Perdeuse moito tempo en dous anteproxectos completamente fallidos. O primeiro botouno arás unha alegación veciñal e este vai polo mesmo camiño. Proxéctase un depósito de tormentas que non deixa de ser un tanque para auga sucia que evacua directamente ao porto do Foz. Tense que facer un anteproxecto técnico, serio e real, que non se fixo ata o día de hoxe.
TURISMO
Que contempla o PSdeG para un sector importante no concello como o turismo?
O modelo que defendemos é un turismo de calidade e desestacionalizado. Temos presentar unha oferta atractiva en todos os momentos do ano e dispoñenos dun patrimonio cultural, histórico e artístico que nos permiten facelo. Sen desprestixiar en ningún momento o nicho que hai agora mesmo de turismo tradicional. Por outro lado, cremos que hai que potenciar a unión entre os concellos da Mariña, seguir impulsando accións conxuntas que permitan que se nos siga coñecendo fóra.
Cales serían as primeiras medidas que impulsarían de chegar á alcaldía?
A primeira, sen dúbida, unha auditoría de contas. Como comentamos, hai moitas facturas sen xustificar e queremos revisar as contas de forma pormenorizada e exhaustiva para coñecer o estado real do concello. Tamén nos comprometemos a cambiar de forma inmediata o sentido de tráfico nas rúas principais da vila, a rúa Álvaro Cunqueiro, que debe ser sentido Ribadeo, e a Avenida da Mariña, de saída cara a Burela. Outra medida que tomaremos nada máis chegar ao goberno será impulsar ese plan de limpeza, desbroce e acondicionamento de camiños que nos demandan no rural.
“O primeiro que faremos ao chegar á alcaldía e unha auditoría das contas municipais”
Que se pode facer desde un goberno municipal ante anuncios como o do recorte dun TES na ambulancia medicalizada con base en Foz?
Presionar. Presionar. E volver presionar. Facer toda a forza que sexa posible. Non ten lóxica que para o mesmo servizo, atender a unha persoa en situación de risco vital, en Coruña fagan falta catro persoas e en Foz tres, cando aínda encima temos unha contorna rural con lugares de maís dificil acceso. Volvemos cunha sanidade para cidadáns de primeira e de segunda. Parece que ás zonas de hospitais comarcais se nos ten a menos ata nunha ambulancia.
GOBERNO
Se das eleccións volvese derivarse un escenario aberto como nas dúas ultimas lexislaturas, o PSdG impulsaría algunha negociación para acordar unha investidura ou un goberno de coalición?
Como é evidente, nós saímos a gañar, a obter a maioría co noso programa por bandeira, pero polo que non imos pasar é porque se repita a xestión do actual alcalde. Non imos pactar en ningún momento co PP, no só por ser o Partido Popular, se non porque a xestión é nefasta e demostrouse. Estamos abertos a outras posibilidades se os resultados non son de maioría pero saímos a gañar o partido, porque temos o mellor equipo e o mellor programa.
“Este proxecto está meditado, pensado e aglutina sensibilidades distintas dentro do partido”
O socialismo focego dividiuse nos últimos anos, tras un cisma que derivou na fundación do partido independente Foz Plataforma de Futuro (FPF), que quitou tres edís. Cre que esta candidatura pode volver aglutinar o voto?
Este é un proxecto de unión, meditado, pensado, e que aglutina sensibilidades distintas dentro do partido. Cun obxectivo común que é mellorar a xestión do pobo. Non levamos mochilas, non temos enemizades de ningún tipo e podemos desenvolver o proxecto, coas mans libres, sen ataduras e sen compromisos con ninguén. O que queremos é unicamente defender o noso programa, e iso axúdanos.