InicioPolítica"Un Concello debe estar da parte da veciñanza e non das grandes...

“Un Concello debe estar da parte da veciñanza e non das grandes empresas”

Chus Amieiro, candidata de En Marea á alcaldía de Mondoñedo, quere dar "alegría" e "claridade" a un municipio que ve "na UCI"

Publicada o

- Advertisement -

Empresaria do sector da hostalería por tradición familiar, amante da escrita, Chus Amieiro será a candidata de En Marea á alcaldía de Mondoñedo. Afronta esta campaña cunha palabra que repite varias veces ao longo da entrevista, “ilusión”.

P. Como estan a ser estes días de campaña?

R. Pois estes días estou percorrendo de novo as parroquias do meu concello e aínda que as coñezo ben está a ser como redescubrilas, recordar o fermoso que é este municipio. A xente estanos a recibir con moito agarimo.

Que lles di a xente?

Eu creo que nos ven como unha alternativa. Nun dos nosos actos estivo unha persoa que quizais non agardaba ver, e achegouse para comentarme por que estaba alí. “Seguro que non contabas comigo, pero hoxe vin escoitarte”, díxome, “porque creo que es unha muller valente e podes gobernar este municipio ou facer unha oposición forte”. Foi emocionante e creo que dalgún xeito é como recoller o froito de dous anos de traballo, porque aínda que non tivemos representación na corporación levamos tempo traballando.

Sen contar con edís, fixeron unha oposición activa. Que rescataría do feito?

En primeiro lugar, unha oposición aos abusos que determinadas empresas realizaron sen que houbese un contrapeso por parte do goberno local, que para nós debe ser o garante de que se defendan os dereitos da veciñanza. Un exemplo é o que aconteceu coas louseiras, con Piveri. Remitimos escritos ao Concello, á Xunta de Galicia, a Madrid. O resultado da permisividade xa sabemos cal é: unha empresa insolvente, 37 postos de emprego destruídos, unhas balsas de decantación que provocan un dano medioambiental terrible, persoas que non cobraron aínda polas expropiacións. Desde En Marea estivemos ao lado desta xente.

“con piveri e o eólico de sasdónigas estivemos sempre defendendo os dereitos da xente”

Tamén estivemos do lado dos veciños co parque eólico de Sasdónigas. O Concello debería explicar que ten de bo para que mediase coa veciñanza para que facilitase o proxecto. Xente á que se lle ofreceu dous céntimos por metro cadrado. Empresas eléctricas ás que se lles bonifica o ICIO e se lle facilitan licenzas en apenas un mes. Cremos que un executivo municipal debe estar contra ese tipo de privilexios, por así dicilo, e apoiar máis ao pequeno empresariado e os autónomos.

Tamén presentamos un proxecto para crear un punto lila nas Feiras e Festas das San Lucas. Un espazo onde prestar información e asesoramento a posibles vítimas, coa intención de previr que houbese agresións sexuais nun evento con tanta xente. Non foi para diante, e soubemos que a oficina da muller de Mondoñedo apenas conta con orzamento. Isto é unha cousa seria, pois vemos a cantidade de vítimas que se cobra o machismo. Hai que actuar, reservar orzamentos, porque a prevención é fundamental.

“a oficina da muller apenas conta con orzamento. a prevención das agresións sexuais é algo moi serio”

Que a leva a presentarse como candidata?

O apoio da miña xente, da miña familia, e tamén o respaldo dun partido como En Marea que me arroupou moito. Preséntoume eu porque así se decidiu, pero puideron ser outras persoas deste grupo. E preséntome polo meu amor a Mondoñedo. Nacín aquí e puiden marchar, pero decidín apostar por vivir aquí, por facer na miña vila o meu proxecto de vida. Gustaríame que este concello volvese brillar como o fixo algún día, no pasado.

Cal é a súa diagnose da situación do concello?

Baixo o meu punto de vista, Mondoñedo está na UCI, e hai que sacalo. Aí está a sangría demográfica, que é terrible. Temos que facelo pouco a pouco, sen querer abrir demasiadas frontes que non poidamos pechar.

“queremos rehabilitar casas baleiras e facer delas vivendas de alugueiro social”

Cales son as súas propostas?

No noso programa está o chegar a un acordo cos propietarios das casas baleiras. Buscaremos axudas para levar a cabo a rehabilitación destes inmobles e darlles uso como vivendas de alugueiro social.

Tamén cremos que hai que facilitar que haxa unha internet gratuíta potente. Eu vivo en Vilamor e a cobertura é insuficiente, e será difícil fixar xente nas aldeas sen unha conexión de calidade para que a xente poida usala para calquera trámite ou tamén para traballar desde alí se o precisa.

Tamén loitaremos porque se habiliten prazas públicas na residencia, no centro de día e no centro de Alzhéimer. E por aproveitar mellor o servizo de axuda no fogar, para que desfruten de máis horas as persoas que máis o necesitan.

Tamén fan moito fincapé na transparencia.

Queremos abrir o Concello á veciñanza. Non pode ser que se tomen decisións importantes que afectan á vida das persoas sen que saiban nada. Queremos que os plenos sexan abertos de verdade aos veciños para que podan participar, que haxa un sillón desde o que podan facer preguntas e expresar preocupacións, a carón dos edís. Desde a oposición nos fixemos ducias de escritos e reclamacións dos que nunca recibimos resposta.

Queremos recuperar a figura dos pedáneos, dunha maneira vinculante, que teñan reunións periódicas coa veciñanza. O Concello é a institución máis próxima aos veciños, e debe ser a máis directa. Se nos cremos ídolos temos os pés de barro, porque quen nos pon no goberno ou nos quita son os mindonienses, e debémoslles a obriga de mantelos informados, de estar cerca deles e non nas nubes. Desde En Marea ofrecémoslles diálogo e non unha relación vertical, senón horizontal.

Fáleme do seu equipo, dos candidatos que a acompañan nos primeiros postos. 

Pedro Leivas, o número 2 da candidatura, traballa como soldador, é rapaz moi coñecido e traballador. É un home inquieto culturalmente, que está moi involucrado nos deportes e no mundo da espeleoloxía. É unha persoa coherente e xenerosa.

“queremos ser aire fresco e claridade. que non haxa nada escuro”

Rosa Espiñeira, a número 3, non é de Mondoñedo por nacemento, pero si por convicción. Veuse a vivir aquí, é editora e especialista na figura de Luís Seoane e unha persoa cun forte compromiso ecoloxista, que é unha das bandeiras do noso proxecto, a defensa do medio ambiente.

Como definiría o proxecto de En Marea Mondoñedo nunhas poucas palabras?

Queremos involucrar á xente e darlle alegría a este municipio. Ser aire fresco. E claridade; que non haxa nada escuro nin opaco.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...