EFE. Máis de 30 estudantes universitarios da rama de ciencias ambientais da Universidade de Vigo e alumnado de Formación Profesional (FP) de Pontevedra e do IES San Rosendo de Mondoñedo retiraron das illas Ons e Cíes máis de 1.400 quilos da planta invasora ‘margarida africana‘.
O Parque Nacional das Illas Atlánticas promoveu a campaña, co obxectivo de controlar a expansión da mencionada especie, que está presente no arquipélago desde hai anos e que supón unha ameaza para a flora autóctona, informou a Xunta de Galicia nun comunicado.
Entre os voluntarios que participaron esta semana na iniciativa había alumnado dos grados de Bioloxía e Ciencias Ambientais do Campus de Ourense, dependente da UVigo, e tamén alumnado en prácticas do ciclo superior de Xestión Forestal e do Medio Natural do Centro de Formación de Lourizán e do instituto de Mondoñedo.
Os traballos centráronse sobre todo en Ons, onde se retirou unha tonelada da especie tamén coñecida como arctotheca, aínda que tamén houbo un grupo de voluntarios nas dúas illas situadas ao sureste do arquipélago de Cíes, San Martiño e Monteagudo, nas que se eliminaron 400 quilos da margarida africana.
LABOR DE CONCIENCIACIÓN
Grazas á súa formación, directamente relacionada co coidado da natureza e a biodiversidade, os voluntarios non só realizaron labores de localización e retirada das plantas invasoras, senón que tamén aproveitaron a súa presenza nas illas para explicarlle aos visitantes o impacto que pode producir a entrada de flora e fauna foráneas sobre especies propias das illas e os seus hábitats.