Un par de anos atrás, poucos seguidores da política mariñá coñecían a Fran Cajoto, de 35 anos, o enxeñeiro de camiños que vén de recuperar o goberno de Foz para o PSdeG-PSOE. O candidato dos socialistas, que liderou unha lista que gañou catro edís con respecto ao 2015 para sumar sete, revelouse como un estudante aplicado que foi quen de aglutinar o voto que perdera un partido desfiado.
Fillo de mestres, o percorrido de Cajoto ata a alcaldía de Foz comezou, segundo el mesmo explicou, coa suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI). No 2015 tivo que pagar o dobre ca no recibo anterior e ese mesmo día agardou ás portas da sede do partido PSOE focego para afiliarse. Quen lle abriu a porta non o coñecía.
Non é de extrañar. Malia ser nativo da parroquia de San Martiño, Cajoto traballou na construción ou mantemento de ferrocarrís en Pontevedra, Alacante ou Mérida. Cada fin de semana conduce de Sevilla, onde traballa, a Fazouro, onde reside a súa familia. En diante aforrará o percorrido.
TENTATIVA DE UNIÓN FALLIDA
En Cajoto, que se postulou axiña e sen reservas para optar á alcaldía, o PSOE veu a persoa axeitada para aglutinar o voto e coser unha formación rota despois de loitas de egos que deron lugar a dúas escisións en oito anos. Da primeira xurdiu Unifoz, que obtivo tres edís en 2011. A partir da segunda fundouse Foz Plataforma de Futuro (FPF), que acadou outros tantos concelleiros no 2015.
De feito, o segundo cisma foi produto dunha tentativa fallida de facer piña trala primeira ruptura; cando Jaime Cancio volveu ao partido socialista focego, marcharon outros que crearon unha nova formación independente co liderado de Luis Alfonso Sixto. O PSOE de Foz aprendeu do erro que quen unise as tropas debía ser alguén sen mochilas, que non xerase rexeitamento aínda a costa de ser unha persoa semidescoñecida.
SEN MOCHILAS
Os socialistas rearmáronse para respaldar e promocionar ao seu aspirante á alcaldía, que non tivo oposición nas primarias.
A premisa foi clara: para darse a coñecer hai tempo. O candidato foi hábil para transformar con retranca un posible defecto a ollos vista de parte do público nunha oportunidade para apuntarse un tanto. Cando o alcalde de Foz e candidato do PP, Javier Castiñeira, se referiu a el como “o descoñecido”, Cajoto encargou unha camisola con ese mesmo título coa que posou nas redes sociais.
As persoas consultadas definen a Cajoto como unha persoa enfocada, amante do debuxo. Compañeiros de partido falan dun home centrado nas súas fillas; antigos compañeiros de aula, dun adolescente centrado -mesmo en exceso- nos seus estudos. Todos destacan del que é unha persoa afable, que sabe manexar grupos e que non soe poñerse nervioso.
SEN MAIORÍA
A temperanza e talante negociador seranlle de axuda para o seu debut na política local. Malia que encabeza a lista máis votada, o PSOE non poderá gobernar sen pactar co BNG ou sen recorrer a apoios puntuais dos outros partidos para sacar adiante as súas iniciativas.
En tres das catro vilas da Mariña Lucense non haberá maiorías absolutas, o que multiplicará os radares e a vixilancia. Só obtivo vantaxe abonda para gobernar con folgura o nacionalista Fernando Suárez Barcia en Ribadeo. Así, Cajoto deberá guiar a nave de Foz coa mesma pulcritude coa que -neto de taxista- conduce os case 2.000 quilómetros que percorre cada fin de semana: sen unha multa.