A Fundación Expomar prepara unha nova edición de Produart “máis potente e máis atractiva”. A Feira de Produtos Artesanais e Ecolóxicos celebrase do 2 ao 4 de agosto, coincidindo coa do Bonito, na Nave de Redes do porto de Burela.
O alcalde en funcións, Alfredo Llano, adiantou este xoves que a entidade organizadora do evento, que tamén preside, fixera “contactos con varios artesáns” en Turexpo, a feira de referencia do sector turístico celebrada a fin de semana pasada en Silleda.
Llano explicou que un dos obxectivos é traer a Burela “produtores de denominacións de orixe, que aposten por modelos ecolóxicos e sostibles e que teñan unha boa calidade”. “Estamos dando pasos para facer unha feira realmente representativa con estes produtos”, avanzou o rexedor.
“En Silleda tivemos oportunidade de ver como se facía noutros lugares e imos procurar que Burela sexa coñecida e recoñecida tamén por Produart”, concluíu.
MEDIO CENTO DE EXPOSITORES EN 2018
A feira naceu en 2001 como punto de encontro de produtores, comerciantes e consumidores involucrados coa sustentabilidade e a conservación do medio.
Na exposición teñen cabida prudutos do mar e da terra, artesanía tradicional e popular, materiais de construción ou tecnoloxías relaciónadas coas enerxías renovables. Na pasada edición, reuniu medio cento de expositores.