IniciosociedadeA frota cre que puido pescar "o dobre" de bonito e pide...

A frota cre que puido pescar “o dobre” de bonito e pide máis cota: “temos un veto administrativo”

Tras anunciar o Goberno o peche da pesquería para o vindeiro martes, os armadores insisten en que a situación biolóxica da especie é boa e "non se pesca porque non se permite"

Publicada o

- Advertisement -

Despois de que o Goberno anunciase que a costeira do bonito se pechará o martes 27, por segundo ano consecutivo no mes de agosto cando habitualmente remata en outubro, a frota de Burela pediu á Unión Europea que revise o Total Admisible de Capturas (TAC), que “non coincide coa cantidade de peixe que hai”, o que fai pensar aos armadores que, de contar cunha maior cota, poderían pescar “o dobre“.

A campaña do túnido rematou máis ou menos nas mesmas datas ca no ano anterior. Logo dun remate previsto para o día 18, a Secretaría Xeral de Pesca recuou e a frota puido faenar ata o 23 de agosto.

Segundo os datos que manexa a frota, o consumo total da cota para España -de 16.620 toneladas– é actualmente do 90%, co que quedarían dispoñibles 1.600.000 quilos, pero o Goberno fai un cálculo no que inclúe aos barcos que están no mar. Dado que as mareas duran varios días ou semanas, o reconto do Executivo central inclúe unha previsión da cantidade que pode haber a bordo.

Deste xeito, na práctica, restan tres días de pesca: sábado, domingo e luns -ata as doce da noite-. Pero os barcos si teñen permiso para descargar despois as súas capturas, co que a venta nas lonxas estirarase uns días.

“PREVISIÓNS CONSERVADORAS”

Sergio López, o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo, sinala que os TAC, aprobados por trienios, responden a previsións “conservadoras” que fan fincapé en criterios “biolóxicos” antes que “socioeconómicos“.

Con todo, sinala que o bonito abunda, polo que reclama que se deixe pescar. Non é que non se pesque porque falte o produto, senón que non se pesca porque non se permite“, argumenta.

“Actualmente fréanos un veto administrativo“, sostén, para explicar que “sabemos que hai abundancia de bocarte, o que significa que hai bonito comendo nel. Son especies que se autoregulan”, precisa.

“Os estudios biolóxicos din que a situación do bonito é boa, pero os organismos e ONGs son reacias a cambiar os TAC significativamente dun ano para outro“, indica López, que reclama “estudos ano a ano” para tomar este tipo de decisións.

Así, espera que Bruxelas acceda a que se poda adiantar un ano a revisión da cota, o que suporía afrontar a campaña de 2020 cunha marxe de manobra superior. “De non ser así, teriamos que pescar na costeira cos mesmos límites deste ano“, explica.

NOVAS MODALIDADES DE PESCA

López certifica que a pesquería do bonito, que nos últimos anos serviu como refuxio para barcos como espadeiros, que poideron pescar durante meses -ata outubro, cando o mal tempo afastaba o túnido- sen esgotar cota da especie que supón o seu obxectivo principal, está a ter “unha gran repercursión social e económica” coa entrada, cada vez máis, dos barcos máis pequenos, de cerco ou artes menores, que piden o cambio da modalidade cando o túnido se achega ao Cantábrico. “Actualmente ten un impacto similar ao da xarda“, indica.

Nos últimos anos, a cota esgotouse rápido tralo inicio da campaña, nas Azores, ao repartirse o bonito todo a rente do Cantábrico e o golfo de Biscaia, o que favorece as novas modalidades de pesca. Neses caladoiros compiten os barcos burelaos de curricán -con anzol– e os cerqueiros vascos e cántabros de tanque -que pescan con cebo vivo-, que obteñen cantidades superiores.

“Nos anos anteriores as campañas eran máis inestables; cando entraba tarde, pescabamos máis nós; se entraba cedo, pescaban máis eles”, explica López.

A inestabilidade da campaña, que nos últimos anos se reduciu á metade no tocante á duración, mudou a maneira de pescar o bonito. O arrastre peláxico dos barcos frances e irlandeses, que captura grandes cantidades fronte á pesca selectiva, fai dubidar aos buques de gran superficie de Burela rentabilidade da costeira, de xeito que cada vez van menos. Por outra banda, a boa situación biolóxica da especie convida a pescar aos barcos pequenos, que non teñen capacidade para facer grandes desprazamentos, pero si para capturalo se está preto da costa. “Hai lanchiñas que non ían ao bonito e que agora teñen bo volume de negocio”.

A LONXA DE BURELA SEGUE Á FRONTE

O que semella claro é que a lonxa de Burela manterá un ano máis o liderado no relativo ao bonito do norte. Segundo os últimos datos de Pesca de Galicia, cun ou dous días de desfase, polo de agora alixáronse 915.222,70 quilos do túnido no mercado burelao, a un prezo medio de 3,95 euros. Isto supuxo un volume de negocio de 3.618.981 euros.

No balance de xullo de Armadores de Burela (Absa), o prezo medio era de 4,04 euros e a cantidade alixada ascendía a 660 toneladas.”Máis do 60% do bonito de Galicia  alíxase aquí”, remarca López.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...