(AMPLIACIÓN) A “totalidade” do alumnado entra no nº 1 de Foz e en Cervo comezará o mércores

O centro focego "volveu á normalidade" tras habilitar o segundo edificio, e no cervense acudiron á clase só cinco nenos de 133 matriculados

Xuntanza das familias no consistorio de Cervo. AXM

O curso volveu á normalidade no Ceip nº 1 de Foz, onde este luns habilitouse o edificio inoperativo por mor das obras de reforma do centro educativo e practicamente a totalidade do alumnado participou na actividade escolar. No colexio de Cervo, onde só se incorporaron cinco dos 133 alumnos matriculados, os pais concentráronse esta mañá para rexeitar tutelas e pedir á Consellería de Educación “unha solución” á falta de “seguridade e hixiene” na escola, que tamén está a ser rehabilitada. A maioría do alumnado comezará en bloque o vindeiro mércores.

Segundo confirma Luisa Vivancos, presidenta da Asociación de Nais e Pais (Anpa) do Ceip nº 1 de Foz, “o curso comezou con normalidade” este luns, “con practicamente todos os nenos, o segundo edificio habilitado e tamén o pavillón“, despois de que o pasado mércores, a data prevista pola Xunta de Galicia para o inicio da actividade, tamén nos centros en obras, só participasen 49 alumnos dos arredor de 180 do centro educativo.

Vivancos sostén que “todo está bastante correcto para entrar” e apunta “matices a rectificar, como a altura dos pasamáns o ancho das portas ou as saídas de emerxencia para aulas que acollan actividades cun número maior de 50 alumnos”, cuestións que entende “subsanables, como en calquera obra”.

O martes, o colectivo celebrará unha asemblea para que os pais “mostren a súa opinión” ao respecto das obras. “Queremos que todos participen”, salienta Vivancos.

AS AULAS ESTÁN “MOITO MELLOR” EN CERVO

En Cervo, as familias -desta volta cos nenos- volveron concentrarse este luns diante do centro antes de comprobar por elas mesmas o estado das obras, despois de que o pasado mércores e ao longo de toda a semana pasada se negasen a levar os pequenos ao colexio ante a situación do centro, con obras inacabadas non só no exterior do inmoble senón tamén no interior, só catro baños dispoñibles -dous deles nas clases de infantil- e aulas por limpar, recoller e equipar cando a Consellería de Educación prometeu “habilitalas todas” na xornada de apertura.

Os pais remarcan que a Xunta “non deu resposta” a un escrito no que 112 persoas asinaron para reclamar ao Goberno autonómico “un encontro para atopar unha solución” para os pícaros. As familias reiteran a súa “disposición ao diálogo”.

AS FAMILIAS CERVENSES NEGAN TUTELAS

As familias tamén responderon ao comunicado de prensa enviado polo Partido Popular (PP) de Lugo, que acusou á oposición de “tentar teledixirir” a protesta. Os conservadores aseguraron “esperar que as familias non se deixen manipular“.

Neste senso, os proxenitores sosteñen que a “impotencia” e “frustración” ante o problema orixinado polo atraso das obras de reforma “aumentaron” coas declaracións dos conservadores, que “tacharon ás familias de marionetas. Somos nais e pais do colexio de Cervo, sen etiquetas, e o único que nos move é a preocuación pola seguridade e integridade dos nosos fillos”, conclúen.

DIFICULTADES PARA COIDAR DOS PEQUENOS

Este mércores, os pais celebraron unha xuntanza no salón de plenos do consistorio para tomar unha decisión ao respecto. Segundo explicaron os proxenitores, a situación do colexio é “moito mellor” ca o pasado mércores. “Varias das aulas están listas para entrar”, expoñen desde a Anpa, aínda que a cociña do comedor require de limpeza e preparación ata como mínimo o día 18.

O centro ten algunhas outras carencias, especialmente no tocante á utilización do exterior, que obrigará aos profesores a utilizar o pavillón para canalizar as entradas e saídas. Ademais, pais reclaman unha saída de emerxencia de incendios. Con todo, a empresa atendeu algunhas das peticións dos pais, como reforzar a protección no caso dos valos que restrinxen o paso nas zonas con obras por rematar.

Desde a Anpa remarcan que, ante a dificultade dalgunhas familias para asumir o coidado dos pequenos nos días con actividade escolar, os pais e as nais decidirán “sen condicionantes” cando queren levar aos pícaros ao colexio. A maioría deles farano o mércores, pero outros agardarán ao vindeiro luns ao entender que a limpeza “non é a máis axeitada”.

A XUNTA “ELUDIU A RESPONSABILIDADE”

Así, lamentan ter que verse “nesta situación, indo á escola cada luns para ver como está e decidir“, e subliñan que a Consellería de Educación eludiu a responsabilidade de ofrecer unha data de inicio alternativa para trasladar “a decisión de cando entrar” á comunidade educativa. Por agora, sinalan, non tiveron novas da Xunta a este respecto.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here