InicioEconomíaMuebles Hermida pide o concurso de acredores

Muebles Hermida pide o concurso de acredores

A dirección anunciou este luns a decisión ao persoal, ao que adebeda case catro meses

Publicada o

- Advertisement -

A empresa de Lourenzá Muebles Hermida presentou a solicitude de concurso voluntario de acredores ante o Xulgado do Mercantil da provincia de Lugo debido ás dificultades económicas e aos problemas cunha liña de crédito.

Así o anunciou esta tarde a dirección da firma ao persoal –uns 95 empregados-, segundo confirmaron fontes sindicais. Os sindicatos denunciaran que a compañía adebeda tres meses de nóminas aos traballadores, que serán catro o vindeiro domingo, 15 de decembro.

OS OBREIROS: “HAI XENTE QUE NON AGUANTA MÁIS”

Segundo o presidente do comité de empresa, Manolo Franco (CIG), o xuíz correspondente “terá a palabra do que vai pasar na empresa, nomeará un administrador concursal“, indica o sindicalista, que expón que por agora non hai convocada unha asemblea de traballadores nin se prevén protestas. Os operarios, en principio, están chamados a manter polo de agora a actividade. A firma tampouco ofreceu información sobre o pago dos salarios pendentes.

Franco remarca que a situación dos empregados “é moi complicada. Hai xente que non aguanta máis, pois hai familias que manter“, explica.

A decisión de Muebles Hermida era agardada e mesmo considerada un “mal menor” por parte dos empregados, que con todo encaixaron con amargura a comunicación da dirección. O voceiro da UXT, José Antonio Rodríguez, critica que a empresa “non tomara a decisión antes, pois habería máis posibilidades de reflotala. A ver que se decide, pero non contamos con cobrar xa“, lamenta.

De validar o xuíz a solicitude presentada, que debe cumprir todos os requisitos, Muebles Hermida gaña un prazo de dous meses durante os que evita que calquera acredor poida pedir un concurso de acredores necesario.

De dar luz verde ao procedemento, o xuíz nomeará aos administradores concursais, quenes deberán facer un informe da situación financieira da empresa e ofrecer unha opinión sobre as posibilidades de negociar un convenio cos acredores; de non ser posible, o concurso acabaría na liquidación.

O BNG INSTA Á XUNTA A MEDIAR NO CONFLITO

O BNG presentará no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para instar á Xunta de Galicia a mediar no conflito laboral e buscar unha viabilidade para garantir a actividade, os postos de traballo e o pago da débeda aos traballadores. O Bloque preguntará ao Goberno autonómico se é consciente da situación, se ten previsto tomar algún tipo de medida e, de ser así, cales son as iniciativas contempladas.

Nos días pasados, os voceiros das tres forzas políticas da corporación laurentina –PSdeG-PSOE, PP e o propio Bloque- asinaron un acordo para reclamar á Xunta e á Deputación de Lugo que medien para un plan de viabilidade.

A ALCALDESA FALA DUN “GOLPE DURO”

A alcaldesa de Lourenzá, a socialista Rocío López, falou dun “golpe duro” para o municipio e “tamén para a comarca da Mariña Lucense. Son preto de cen postos de traballo e cen familias que quedan sen o soldo dun dos seus piares”, expuxo, para desexar “que todo se resolva o antes posible e que o proceso se axilice para que os traballadores poidan cobrar canto antes o que teñen atrasado”.

CHEGOU A TER 225 EMPREGADOS

Ao longo dos últimos meses, a empresa comunicara ao comité de empresa que se debatía entre a venta -a dirección afirmaba ter varias ofertas- e a solicitude de acollerse á Lei Concursal. Constituída no 1982, Muebles Hermida chegou a ser unha das marcas máis importantes do sector a nivel galego, empregando a 225 traballadores e xerando un volume de negocio de 24 millóns de euros.

A empresa laurentina entrou en declive na época da crise do sector e do estourido do boom inmobiliario. No 2011 presentou un ERE de extinción que afectou a 75 operarios, que supuñan daquela case o 40% do persoal. Nos últimos tempos, e malia un repunte da facturación no 2015, non remontou o voo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...