As consecuencias do coronavirus seguen a evidenciarse co paso dos días. No medio dunha crise socioeconómica cuxos peores efectos poderían advertirse nos vindeiros meses, con 4.035 solicitudes de Expedientes de Regulamento Temporal de Emprego (Ertes) só na provincia de Lugo -que afectarán a 14.720 empregados, segundo os datos da Xunta de Galicia-, parte do persoal de Costiña vive unha situación “desesperada”, con catro meses por cobrar.
A principios do pasado mes de marzo, antes de que se espallase a pandemia e de que o Goberno decretase o estado de alarma, o serradoiro de Alfoz presentara un Erte de oito meses. A esa altura, empresa adebedáballes aos traballadores os meses de xaneiro e febreiro e tamén dúas pagas extra arrastradas do pasado exercicio.
SUSPENSIÓN DOS CONTRATOS EN DÚAS QUENDAS
Segundo o acordo entre o único sindicato con representación no comité de empresa, a CIG, e a dirección de Costiña, suspenderíase o contrato de 31 traballadores nun primeiro período de catro meses, e o doutros 16 a posteriori e en idéntico prazo. Outros 18 obreiros de administración e mecánica -do total de 65 empregados no persoal- non se verían afectados. A venta, segundo o sindicato nacionalista, era a única opción viable para reflotar unha firma con catro millóns de débeda, segundo as mesmas fontes.
O parón da maior parte da actividade industrial complicou a situación. “Hai empresas que son clientes de Costiña e pecharon. Non se puido traballar e a empresa mandou aos traballadores de permiso retribuído, independente do aprobado polo Goberno. Deste xeito, os obreiros que non entraban na primeira quenda do Erte levan catro meses sen cobrar”, explica Afonso Losada, da delegación provincial de construción e madeira da CIG.
Losada expón que nestes días estanse a retomar traballos “con madeira que había almacenada” e “están saíndo camións de Costiña, pero os pagos non chegan”.
UNHA SOLICITUDE DE ERTE DE FORZA MAIOR, CANCELADA
A situación é tan “desesperada”, explica Losada, que “o persoal pediu á dirección que solicitase un novo Erte, produtivo e en base á cancelación dos pedidos, e incluír nel a todos os traballadores”. A directiva negouse, afirma o sindicalista, e presentou un expediente para a suspensión temporal dos empregos por forza maior que foi denegado pola Xunta de Galicia.
Deste xeito, os traballadores aos que non afectou o primeiro prazo do Erte en vigor “non poden acollerse ao paro e levan catro meses sen cobrar, do que deriva unha situación máis que incerta”, precisa Losada.
SEN OPCIÓN DE ACUDIR AO FOGASA
Por outra banda, a ralentización da Xustiza que provocou a pandemia fai que a solicitude de concurso voluntario de acredores presentada por Costiña estea aínda por resolver. Deste xeito, explica Losada, “non temos auto de concurso nin administrador concursal, nin podemos solicitar ao Fondo de Garantía Social (Fogasa) que asuma os meses adebedados, uns ingresos que hoxe por hoxe son imprescindibles. Parécenos indignante que nesta situación de tanta fraxilidade non se fixese un esforzo que servise para sacar o auto”, remarca.
Losada resume o limbo no que viven os obreiros afectados: “temos pechadas a vía xudicial, do concurso, a vía do Erte, e a vía de poder traballar; estamos no peor dos escenarios posibles“, lamenta. Un “tsunami que está a afogar aos empregados” ante o que o nomeamento do administrador concursal sería “un pequeno tronco de madeira. Os traballadores que quedaron no Erte teñen dous meses pendentes pero polo menos están percibindo o desemprego, e aínda que a situación non é a ideal alomenos non acumulan máis débeda, pero os outros non”, salienta.
MUEBLES HERMIDA, Á ESPERA
En Muebles Hermida, onde se aprobou un Erte por un máximo de nove meses de duración, que afectou a 95 persoas, a situación está en stand-by, segundo explican fontes sindicais. Polo de agora non se notificou a finalización do informe concursal, que se presume chave para poder executar a venta da empresa, única alternativa de viabilidade para os sindicatos.
A situación, afirman as mesmas fontes, é “obviamente peor” que antes da pandemia, posto que semella máis complicado atopar un comprador para a moblería de Lourenzá.